Friday 22 de November de 2024

O Concello adxudicará o servizo de axuda a domicilio por 1,5 millóns de euros


 

A Xunta de Goberno tratará a modificación e prórroga do contrato do programa de atención de baixa esixencia para persoas sen fogar para reforzar o servizo

A Xunta de Goberno Local tratará mañá a adxudicación da concesión do servizo de axuda a domicilio do programa de Servizos domiciliarios e atención á dependencia (SAD1) á Fundación para o Estudo e a Promoción da acción Social (FEPAS) por un importe máximo de 1.538.461,54 euros por año. O gasto máximo previsto para o exercicio 2020 é de 1.217.948 euros, para o 2021 é de
1.538.461,54 euros, e para o ano 2023 está prevista unha partida de 320.512 euros. O prazo de duración do contrato será de dous anos prorrogables por dous anos máis ata un máximo de catro.

As prestacións, de carácter personalizado, están encamiñadas a reducir as limitacións para as actividades básicas da vida diaria e a socialización de persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presentan limitacións para realizar determinadas tarefas de tipo persoal ou doméstico. Tamén están destinadas a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial e a familias con dificultade de atención a menores porque carezan de apoios na propia familia, ou problemas no desenvolvemento da dinámica familiar, priorizando a familias con menores de 12 anos.

A xunta tamén estudará unha modificación no contrato para a prestación do servizo do programa municipal de atención de baixa esixencia para persoas sen teito (PST), que fomenta a inclusión social para persoas en situación ou risco de exclusión, así como a súa prórroga á empresa Aossa Global, S.A. por un período de dez meses.

Con esta modificación e prórroga do contrato, o Goberno local, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade, busca reforzar a atención na rúa das persoas sen fogar sumándose ao traballo que xa realizan o Servizo Municipal de Servizos Sociais, SEMUS e a ONG Accem Deste xeito, apuntan desde Benestar Social, garántese unha cobertura global do servizo de atención todos os días da semana. ”Todas as noites haberá nas rúas persoal cualificado para atender as necesidades deste colectivo”, sinalan. Sen prexuízo de que en situacións extremas, cando as condicións climatolóxicas así o requiran, se habilite o Centro Cívico dos Mallos para estancias nocturnas, tal e como se fixo nos meses de novembro e decembro debido ás alertas vermellas. Ademais, garante a atención das persoas e a continuidade das prestacións incluídas no programa municipal como son a atención, apoio, seguimento e intervención social.

A dita modificación responde, explican desde Benestar Social, ao peche no mes de outubro do Centro Abeiro, centro onde se prestaba o servizo de acollida para estancias nocturnas. O contrato manten as mesmas condicións na partida económica e no seu prazo de duración.

A toma de coñecemento das licenzas urbanísticas outorgadas e a modificación do decreto de alcaldía 3846/2019 para nomear concelleiras suplentes na Secretaría da Xunta de Goberno Local a Diana Sobral, Yoya Neira e Esther Fontán serán outros dos asuntos tratados mañá na xunta.