Friday 22 de November de 2024

Noia, Ames e Camariñas acollerán a primeira Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT, que terá lugar entre xaneiro e febreiro


Organizada polos clubs ciclistas O Toxo, Os Esfola Arrós e Baikers do Vilán, en colaboración cos Concellos de Noia, Ames e Camariñas

Os clubs ciclistas O Toxo (Noia), Os Esfola Arrós (Ames) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Noia, Ames e Camariñas, organizan a primeira edición da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT, que terá lugar o 26 de xaneiro (Noia), o 2 de febreiro (Ames) e o 16 de febreiro (Camariñas). As tres probas rexeranse por un mesmo regulamento, contarán cun máximo de 400 prazas dispoñibles e as inscricións poderán formalizarse en www.magmasports.es. O custe da inscrición é de 15 € por participante individual, 24 € para as persoas que participen en parella e 30 € para as que o fagan en tríos.

A nova Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT foi presentada no salón de plenos noiés polos concelleiros de Deportes de Noia, Laura Salgado; Ames, Susana Señorís; e Camariñas, Fabián Canosa; que estiveron acompañados por Miguel Mato, presidente do CPC O Toxo; José Losada, membro da xunta directiva do club ciclista Os Esfola Arrós; e Juan Ramón Martínez Castro, presidente do club Baikers do Vilán.

A concelleira de Deportes de Noia, Laura Salgado, explicou que “esta nova Liga comezará na nosa vila o 26 de xaneiro, no polígono industrial de Augalevada. Queremos que sexa un evento moi participativo e que a xente que non se sume como ciclista o faga como animadores e veñan desfrutar do deporte a Noia”.

Pola súa banda, Susana Señorís, concelleira de Deportes de Ames, felicitou aos tres clubs ciclistas pola organización desta Liga, lembrando que “o ano pasado en Ames cos Esfola Arrós xa levamos a cabo unha proba con 250 participantes. Esperamos que a nova convocatoria teña tanto ou máis éxito e que sexa a primeira de moitas edicións”:

Un punto no que incidiu o concelleiro de Deportes de Camariñas, Fabián Canosa, quen considera que se trata dunha “boa oportunidade para xuntar varios concellos e que isto sexa o inicio dunha liga que sexa importante en Galicia”, polo que augurou “un mes intenso de probas BTT nas que agardo que haxa moitos participantes e que sexa o inicio de algo importante e con continuidade”.

Circuíto Ría de Noia

O presidente do CPC O Toxo, Miguel Mato Agrafojo, foi o encargado de presentar a primeira das tres probas da Liga: o Circuíto Ría de Noia, que terá lugar o domingo 26 de xaneiro, de 10:00 a 13:00 horas, “cun percorrido duns 5,5 km, cun desnivel positivo acumulado por volta de 100 metros. As inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do 22 de xaneiro”.

Miguel Mato, que estivo acompañado polo secretario e o tesoureiro do club, Juan Carlos Fernández e José Manuel Ulloa Antelo, explicou que o regulamento será igual para as tres carreiras e que haberá premios para os mellores clasificados de cada unha das probas, así como premios especiais para os/as gañadores/as da Liga. Así, haberá premios individuais para os tres primeiros clasificados, masculinos e femininos, nas categorías: Xeral, Xuvenil (2004-2001), Senior (2000-1991), Veteranos A (1990-1981), Veteranos B (1980-1971) e Veteranos C (1970-1951); así como premios aos tres primeiros nas categorías de relevos de 2 e de 3 persoas nas categorías masculina, feminina e mixta.

Circuíto OEA e da Camariña

José Antonio Losada, do Club Ciclista Os Esfola Arrós, presentou o Circuíto OEA, que terá lugar en Bertamiráns (Ames) o vindeiro domingo 2 de febreiro. “O ano pasado fixemos unha proba e á xente gustoulle moito porque ao facelo no pobo, a xente pode implicarse máis”, explicou, adiantando que se tratará dun circuíto de 6 quilómetros cuxo epicentro será o paseo do Rego do Ameneiral.

Finalmente, o Circuíto da Camariña terá lugar o domingo 16 de febreiro, ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas e o faro de Cabo Vilán. Unha cita na que, ademais dos premios propios do circuíto, tamén se fará entrega dos premios aos mellores clasificados nas tres probas das que consta a Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.