Friday 22 de November de 2024

O CDTIC pon a disposción dos establecementos hostaleiros unha nova aplicación libre na nube para a xestión en liña do seu negocio


A través do Centro Demostrador TIC Virtual os establecementos do sector poderán probar Xeshostal, aplicación liberada pola Amtega en colaboración coa Axencia de Turismo

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incorpora unha nova aplicación libre na nube ao CDTIC Virtual. Trátase de Xeshostal, unha ferramenta pioneira no Estado para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos, que foi liberada o ano pasado pola Amtega en colaboración co Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (IETG) dependente da Axencia de Turismo. Con Turismo de Galicia

Este aplicativo permite aos pequenos establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos; obter informes de xestión e plannings semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza…

A través do CDTIC Virtual os pequenos establecementos poderán probar directamente as utilidades de Xeshostal e avaliar a súa adecuación ás necesidades do seu negocio, sen necesidade de facer ningunha instalación ou configuración que requira de infraestrutura tecnolóxica ou de coñecementos informáticos. Este servizo do CDTIC Virtual busca facilitar aos xerentes e propietarios dos establecementos a toma de decisións de cara a realizar a inversión que requira o despregue do aplicativo no seu negocio.

Os establecementos hostaleiros interesados en probar esta ferramenta na nube, poden cursar a súa solicitude a través da web do CDTIC: https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual.

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual
O Servizo CDTIC Virtual, ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito poderán coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.

As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

Este servizo iniciouse coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado, que desde a súa posta a disposición no CDTIC virtual a principios de setembro, foi solicitado por cerca de 20 empresas.

O CDTIC, achega as TIC ás empresas do turismo
Esta iniciativa súmase ás impulsadas polo CDTIC para as empresas do sector Turismo de Galicia neste ano 2014. O pasado 18 de decembro, arredor de 100 profesionais do sector tecnolóxico e do sector turístico déronse cita nas Xornada de Retos e Oportunidades Tecnolóxicas para o Turismo.

Durante a Xornada, celebráronse relatorios acerca das oportunidades e as transformacións que supoñen as TIC para o sector turístico. Os cambios no mercado do turismo en virtude da tecnoloxía, a experiencia do turista a través das aplicacións móbiles ou o valor da marca dixital foron algunhas das temáticas abordas durante a Xornada.

O CDTIC publicou o Catálogo de provedores e solucións tecnolóxicas galegas para o turismo (TurismoTIC.gal), unha ferramenta online onde as empresas do sector turístico poderán atopar unha mostra representativa de empresas TIC galegas que poden converterse en aliados tecnolóxicos no cumprimento dos seus obxectivos de negocio.