O Concello de A Coruña terá dous anos para presentar o plan de conservación correspondente, requisito imprescindible para poder obter a declaración definitiva
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se declara de xeito provisional como espazo natural de interese local (ENIL) o lugar Torre de Hércules. Ábrese agora un prazo de dous anos para que o Concello da Coruña, promotor da proposta, deba presentar, como requisito imprescindible para obter a declaración definitiva, o Plan de Conservación correspondente.
Vista a solicitude presentada polo Concello coruñés ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a declaración desta zona como ENIL e tras sometelo ao correspondente período de información pública, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural acordou declarar a Torre de Hércules, de xeito provisional e por un período non superior a dous anos, espazo natural de interese local.
Cómpre lembrar que a figura do ENIL está recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que os recoñece como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. Concretamente, un ENIL declárase pola consellería con competencias en materia de conservación do patrimonio natural logo da proposta de declaración por parte dun concello dun espazo integrado no seu termo municipal que, polas súas singularidades, sexa merecedor dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A responsabilidade e xestión destes espazos será municipal, así como a obriga de presentar o correspondente plan de conservación.
No caso da Torre de Hércules, este Plan deberá ter en conta as consideracións feitas e recollidas nos informes sectoriais aos que se alude na parte expositiva da orde e terá que garantir que a xestión que se propoña para o ENIL teña coherencia e sexa compatible coa conservación dos valores existentes na zona.
Características do espazo
En canto á calidade ambiental do espazo declarado como ENIL de xeito provisional, os valores naturais máis salientables que xustifican a súa declaración son de tipo paisaxístico e ecolóxico: neste espazo foron catalogados sete hábitats de interese comunitario, 100 especies de aves, 231 de insectos, 50 de fungos e 195 de plantas sendo, ademais, unha zona relevante por ser un espazo natural moi concorrido e apreciado pola cidadanía coruñesa e por turistas como lugar de paseo e de observación da natureza.
Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural Torre de Hércules, comprometéndose a consignar, con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.
A declaración deste ENIL, que ocupa unha superficie de 39,48 hectáreas, non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.