As cinco localidades incorpóranse a esta iniciativa que pretende estimular a actividade económica e empresarial e facilitar os trámites administrativos
Galicia conta con 131 Concellos Emprendedores tras a incorporación dos municipios de Santiago de Compostela, Paderne e Cambre (na Coruña), Lalín (en Pontevedra) e Taboadela (en Ourense) que comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos.
Deste xeito, A Coruña conta con 33 concellos emprendedores, Lugo con 19, Ourense con 59 e Pontevedra con 20. Esta distinción -vinculada á Lei de implantación empresarial- supón apoiar a actividade industrial en Galicia con máis axilidade administrativa e bonificacións fiscais, apostando, deste xeito, polo crecemento económico da Comunidade galega e pola dinamización do tecido produtivo.
Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia, un acordo enmarcado dentro da Lei de implantación empresarial.
A Xunta está a dar prioridade aos Concellos Emprendedores en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade e o emprendemento baseado na innovación e no talento. Para iso, o Goberno galego establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.
Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por afincarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.