O Goberno local aposta por incorporar liñas que conecten A Coruña con Monforte sen ter que pasar expresamente por Vigo, tal e como está previsto na actualidade o proxecto
O concello insta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a que modifique o trazado do novo Corredor Transeuropeo de Mercadorías, tras as declaracións que realizou onte, en que o responsable autonómico desbotou cambios nos itinerarios dos que A Coruña sairía reforzada xa que, segundo o Goberno local, non é necesario que as liñas que conectan coa cidade pasen expresamente por Vigo e poderían comunicar directamente co norte da comunidade desde Monforte.
Esta conclusión sacouna este verán a alcaldesa Inés Rey conxuntamente coa Confederación de Empresarios de La Coruña, logo dunha reunión co seu presidente, Antonio Fontenla, en que acordaron a necesidade de modificalo, porque tal e como está configurado o trazado suporá un prexuízo para a patronal coruñesa. Foi a CEC a que propuxo unha alternativa que uniría Monforte con Lugo e A Coruña, unha medida que tería en conta tamén a Ferrol e o seu contorno. Outra das entidades que está a prol desa bifurcación é a Cámara de Comercio da Coruña, que demanda un equilibrio no proxecto e que o corredor atlántico parta de León, chegue a Monforte e desde as terras de Lemos continúe en dous ferrocarrís a Ourense-Vigo e a Lugo-A Coruña.
Desde o concello cren que esta opción estruturaría dun xeito harmónico o territorio e evitaría a quilometraxe que supón que as cargas con destino ou orixe na cidade usen de forma obrigatoria o servizo que chega á parte sur de Galicia, ademais de darlle unha mellor saída aos portos da Coruña e Ferrol.