A concelleira de Turismo, a xerente do Consorcio de Turismo e o director de Aviation Dataworks explicaron en rolda de prensa o Plan Estratéxico para a Conectividade do Aeroporto da Coruña 2020-2021 (PECAEC)
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, e o director de Aviation DataWorks, Pere Suau, presentaron esta mañá no Pazo de María Pita o Plan Estratéxico para a Conectividade do Aeroporto da Coruña 2020-2021 (PECAEC).
Con este estudo, o concello pretende identificar os mercados e as rutas con maior potencial para o aeródromo coruñés e aquelas compañías que poderían servilas, co obxectivo de executar a estratexia de conectividade definida nel antes de rematar o
2021. Outro dos propósitos é recomendar melloras na organización, promoción e desenvolvemento do aeroporto desde un punto de vista colaborativo.
Os novos destinos internacionais propostos nesta folla de ruta que deberían executarse coa máxima prioridade serían París, Ámsterdam e Venecia. París sería o voo directo internacional máis relevante deste primeiro nivel prioritario. Nunha segunda instancia, valóranse como moi positivos os destinos internacionais de Roma, Milán, Bruxelas e Zúrich.
Pere Suau, deseñador deste plan estratéxico, tamén valorou como “destinos para monitorizar, os de Düsseldorf, Hamburgo e Viena”.
Na actualidade, o aeródromo da Coruña ofrece voos directos a Londres. Con respecto a este destino, “a nova folla de ruta proposta incorpora un dos obxectivos recentemente acadado, o de adiantar o horario de saída do voo a Heathrow”, detallou a titular de Turismo.
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, quixo aclarar na rolda de prensa que esta folla de ruta é “un primeiro estudo” no que tanto o Consorcio como a concellería que ela mesma dirixe levan tempo “traballando de forma conxunta co obxectivo de identificar as mellores rutas para Alvedro e as compañías que poden levalas a cabo”, explicou.
Cabanas adiantou que polo de agora “os acordos coas aeroliñas aínda están por desenvolverse pero non cabe dúbida de que A Coruña dispón dun aeroporto solvente, en constante crecemento e que en 2019 superou con fartura o millón de pasaxeiros”.
Canto ás rutas nacionais, o plan de conectividade tamén formula melloras como a consolidación e o reforzamento dos destinos de Madrid, Málaga, Valencia, Gran Canaria e Tenerife a través da mellora das frecuencias semanais e dos horarios. Como novo destino nacional, Alicante é sen dúbida algunha o que o estudo cualifica de potencial.
A xerente do Consorcio de Turismo defendeu que a creación deste estudo é moi importante xa que “era necesario amosar a radiografía do estado do aeroporto de Alvedro e marcar unha folla de ruta que mellore non só a cantidade dos destinos senón a calidade para as persoas usuarias do aeródromo”. Calatayud tamén explicou que se trata dun “estudo único en Galicia posto que non hai un precedente nesta análise” e cualificou de “moi positivo” todo o proceso para institucionalizar esta mesa de traballo e ter esta primeira fotografía que nos amosa como está Galicia e, en concreto A Coruña, en canto a oferta e demanda aeroportuaria.