Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia celebra o Día do usuario das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades


O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participará mañá nas accións que terán lugar na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel
A Xunta de Galicia programa máis dunha vintena de actividades en Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo e Lugo con motivo da celebración do Día do usuario das bibliotecas, unha data que, como cada ano, ten lugar o 11 de xaneiro.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistirá ás distintas iniciativas que se levarán a cabo mañá na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Entre elas, a sesión de contacontos Contos de inverno a cargo de Ana Carreira ás 12,00 horas. Posteriormente, participará no acto de nomeamento de socios de honra do 2019 e visitará o obradoiro de banda deseñada que se dará comezo ás 11,30 horas. Tamén ao longo da xornada entregaranse libros aos usuarios e aqueles que o desexen poderán participar no xogo de preguntas Onde está Juan Compañel? co que coñecerán os servizos que ofrece a biblioteca.

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrecerá unha sesión de contacontos ás 12,00 horas a cargo de Ramiro Neira. Tamén, ao longo da xornada de mañá, realizarase un préstamo de libros a cegas mediante o cal os usuarios poderán escoller unha bolsa pechada que conterá materiais sorpresa. Estas actividades complétanse coa apertura da mostra bibliográfica e colaborativa Os favoritos da biblioteca na que os usuarios poderán depositar os libros que recomendan acompañados dun breve texto no que explican o porqué da súa elección.

Contacontos en lingua de signos
Os actos deste día na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés pasan por unha visita guiada ás 12,00 horas para aqueles que desexen coñecer os servizos, espazos e coleccións coas que conta. Ademais, haberá sesión de contacontos en lingua de signos o sábado ás 12,00 horas a cargo de membros da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Á mesma hora terá lugar un espectáculo de maxia da man de David Méndez.

A Biblioteca Pública de Ourense ofrecerá mañá ás 11,30 horas un obradoiro de cómic para nenos maiores de 12 anos e realizará un sorteo dun libro electrónico entre os usuarios activos maiores de 14 anos que fixeran alomenos un uso do servizo de préstamo desde a apertura das novas instalacións.

En Pontevedra e en Lugo as actividades principais desenvolvéronse hoxe, con visitas guiadas ás instalacións e co nomeamento e entrega do premio aos socios de honra no caso da Antonio Odriozola e cun espectáculo de maxia no caso da biblioteca lucense.

Cómpre destacar que, ademais de en Vigo, nas bibliotecas de Santiago, A Coruña e Ourense, levarase a cabo o nomeamento dos socios de honra que serán aqueles nenos e adultos que rexistraron máis préstamos durante o 2019.

Por último, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, agasallará durante todo o sábado aos visitantes e usuarios con libros.