Friday 22 de November de 2024

Concello e Emalcsa impulsan o deporte inclusivo e solidario cun investimento de 250.000 euros para 26 entidades da cidade


A alcaldesa destacou o carácter innovador dun programa que prioriza a dimensión social e inclusiva das iniciativas seleccionadas

María Pita acolleu esta mañá o acto da sinatura dos convenios coas entidades deportivas seleccionadas na VI convocatoria de “Deporte Solidario e Inclusivo”, impulsada pola Fundación Emalcsa. O obxectivo do programa é fomentar o deporte base como instrumento de intervención social para a integración de colectivos en risco ou en situación de exclusión social. En total, destinaranse 250.000 euros a 26 entidades que empregan un total de 354 traballadoras/es e mobilizan a 484 voluntarias/os. Estas entidades suman un total de 16.712 persoas socias e 3.406 licenzas de deporte federado das que o 35% son femininas.

O acto contou coa presenza da alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey, da súa vicepresidenta, Yoya Neira, do concelleiro de Deportes Juan Ignacio Borrego, e o director do departamento de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, Antonio Cortés, así como das persoas representantes das 26 entidades deportivas seleccionadas.

A rexedora destacou o carácter innovador desta sexta convocatoria ao impulsar o deporte como instrumento de intervención social, “estamos convencidos de que o deporte solidario e inclusivo vai constituír un vector de transformación da cidade, das entidades deportivas e da acción social”. Neste senso, Inés Rey subliñou que as e os principais destinatarias/os destas axudas son as cativas e os cativos e adolescentes.

Nesta convocatoria priorizouse a dimensión social e inclusiva das iniciativas. Un 75% do financiamento destínase ao proxecto social e o outro 25% á actividade deportiva de base. Os proxectos e entidades beneficiarios supoñen unha ampla representación da diversidade de deportes que se practican na cidade: tenis, pádel, baloncesto, patinaxe, escalada, fútbol

e fútbol sala, esgrima, piragüismo, tenis, tenis de mesa, natación, rugby, hípica, wáter- polo, tríatlon, péntatlon moderno, halterofilia, tiro con arco e rugby.

Inés Rey encomiou o labor desenvolto desde a fundación ao “abrir novas liñas de intervención e abordar problemas vellos desde perspectivas novas” e felicitou as entidades deportivas pola calidade dos proxectos presentados, de maneira especial “pola sensibilidade que amosastes nas vosas propostas”, que abarcan distintos ámbitos de actuación co obxectivo de favorecer a práctica deportiva para persoas en situación de risco social.

As 26 entidades que formalizaron coa súa firma o convenio presentaron proxectos que beneficiarán a preto de 14.300 persoas. Unha cifra, dixo, que inclúe, 600 prazas para gozar de maneira gratuíta de diversas actividades deportivas destinadas a nenas e nenos que foron derivadas por profesionais de Servizos Sociais.

Para o desenvolvemento dos proxectos seleccionados, as entidades deportivas contarán coa colaboración de entidades sociais especializadas na atención dos distintos colectivos beneficiarios dos proxectos da convocatoria, como son: Down Coruña, Aspronaga, Fundación Ingada, Aspace Coruña, ONG Ecos do Sur e Fundación Camiña Social, entre outras.
Con esta son seis as convocatorias promovidas pola Fundación Emalcsa cun total de 1,5 millóns de euros de investimento total. O programa conta desde o seu inicio coa colaboración de Gadis para o seu impulso e desenvolvemento. O representante de Gadis, Antonio Cortés, agradeceu durante o acto o labor social desenvolto polo Concello no ámbito do deporte inclusivo e puxo en valor as máis de 1.000 colaboracións da empresa no mundo do deporte.

As entidades seleccionadas son:

– Club Escuela Tenis Marineda

– Agrupación Montañeros Independientes

– Club Torre S.D.

– Club Zalaeta100Tolos

– Club Halterofilia Coruña

– Club Básquet Coruña

– Club del Mar San Amaro

– Sporting Club Casino de La Coruña

– Athletic Coruña Hockey Club

– Unión Vecinal Ventorrillo

– Club Hércules Termaria

– Club Ximnasia Rítmica María Barbeito

– Club Natación Coruña

– Club Maristas

– Club Viaxes Amarelle

– Galicia Rollers

– Club Marítimo Oza (O Puntal)

– Real Club Náutico de La Coruña

– S. D. As Xubias

– Asociación Coruñesa Waterpolo

– A.C.D. Salvador de Madariaga

– Club Eirís S.D.

– Victoria C.F.