Friday 22 de November de 2024

A Xunta dota ao Centro de Atención a Discapacitados Souto de Leixa dunha piscina terapéutica e realiza obras de mantemento


Ovidio Rodeiro, visitou o resultado destas actuacións, que contaron cun orzamento de máis de 350.000 euros procedentes do superávit de 2018

A Consellería de Política Social está executando as obras para mellorar e modernizar o centro e para dotalo dunha piscina coñecida como vaso terapéutico no centro de atención a discapacitados Souto de Leixa (CAPD). O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta actuación, que conta cun orzamento de 350.000 euros procedentes do superávit da Comunidade Autónoma de 2018.

O proxecto contempla a instalación dunha piscina que permite aos usuarios do centro ter a súa disposición un servizo deste tipo nas súas propias instalacións, evitando ter que desprazarse ao Centro de Educación Especial Terra de Ferrol para acceder ao mesmo.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, informou que o investimento, executado por Obras y Viales de Galicia, SL, que previsiblemente estará rematado no primeiro semestre do ano 2020, reflicte o compromiso da Consellería de Política Social por aumentar o confort e benestar das persoas usuarias dos centros públicos de servizos sociais, así como contribuír á eficiencia enerxética.

Consiste na construción dunha edificación anexa adecuando o espazo para uso como vaso terapéutico, incluíndo vestiarios e aseos, adaptados todos eles a persoas con mobilidade reducida. Incorpora ademais unha sala na planta baixa-soto para instalacións e circuítos hidráulicos onde se emprazará unha nova caldeira de biomasa e un equipo para o funcionamento do vaso terapéutico

Ademais, a finais de 2019 executáronse outras actuacións de menor calado, como a demolición dun muro interior, retirada de instalacións de baño obsoletas e a colocación de chan vinílico.

O centro de atención a discapacitados Souto de Leixa é un centro de titularidade pública, xestionado pola empresa CLECE. En total, fináncianse 59 prazas (25 en atención residencial e 34 en atención diurna) para persoas con discapacidade intelectual e outras discapacidades, e outras 89 prazas (68 de atención residencial e 21 no centro de día ocupacional) para persoas que gozan de certa autonomía.

As instalacións do CAPD constan de residencia, centro de día e centro ocupacional e complétanse co centro de educación especial Terra de Ferrol situado no mesmo edificio.