O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, recibiu as maxestades de Oriente entregándolles, como é costume, as chaves do concello para que ningún cativo ou cativa quedara sen o seu agasallo na noite de Reis.
Ordes, 08 de xaneiro de 2020. O bo tempo que nos acompañou o pasado día 5 de xaneiro, sumado á coincidencia de ser día non laborable, fixeron que a cabalgata deste recentemente estreado ano 2020 fora a máis multitudinaria que se recorda de todas cantas se teñen organizado dende o Concello de Ordes cunha asistencia aproximada de máis de 2500 persoas.
Preto das 17 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar chegaban ao noso concello para formar parte do gran desfile que o Concello de Ordes lles tiña preparado como cada ano. Máis de 50 paxes reais, numerosos pastoriños e pastoriñas e ata 3 coches de época, cedidos desinteresadamente pola empresa local Internaco, para o seu desprazamento ao longo da avenida Alfonso Senra ata chegar á Alameda e dende os cales non deixaron de lanzar caramelos válidos para persoas celíacas e diabéticas. Abrindo a comitiva real, como é costume nos últimos anos, non faltou unha impresionante locomotora a vapor que completou unha fantástica organización na que non faltou ningún tipo de detalle.
Despois de que foran recibidos polo alcalde de Ordes, e recollidas as chaves do pobo, as súas Maxestades de Oriente tomaron rumbo, baixo unha inesperada nevada localizada na alameda de Ordes, aos seus respectivos tronos para escoitar individualmente os últimos desexos dos cativos e cativas e non tan cativos, do noso municipio, e tamén entregarlles un pequeno agasallo doce previo aos que lles terían que entregar horas máis tarde nas súas vivendas.
Por último, cómpre indicar que a Policía Local, en coordinación co Concello, organizou un dispositivo de seguridade coa colaboración do voluntariado de Protección Civil de Ordes que incluía o peche da N-550 das 16:30 ás 21 horas.