Friday 22 de November de 2024

A Xunta entregará ao concello os colectores da EDAR de Couso o 31 deste mes e cobrará o 100% dos servizos que preste


Así o anunciou o alcalde tras entrevistarse coa conselleira
Logo de manter na tarde de onte unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e coa directora de Augas de Galicia, o alcalde Manuel Ruiz ofreceu no día de hoxe unha rolda de prensa coa fin de explicar o horizonte que se cerne sobre os veciños do municipio a raíz de que o pleno da Corporación de Riveira votase no pasado 30 de decembro en contra dun convenio para que a xestión da Depuradora de Couso recaese baixo competencia municipal.

Ruiz Rivas, quen cualificou tal decisión de “despropósito” e de “acto irresponsable” e que se declarou preocupado pola situación ata o punto de que, no peor dos escenarios, podería chegar a romperse o equilibrio económico-financeiro do Concello, comunicou que, como consecuencia do rexeitamento do citado convenio, a Xunta asumirá a partir da 31 de xaneiro a xestión da EDAR, mentres que os colectores e tanques de tormenta conducentes a esta estación serán entregados ao Concello. Esta disparidade, cun sistema de saneamento integral dependente de varias administracións, traerá consecuencias negativas tanto para os petos dos riveirenses como para a propia eficiencia da xestión.

Así, neste último aspecto, co panorama actual o Concello vese abocado agora a licitar a contratación da xestión da EDAR de Corrubedo, por unha parte, e a dos colectores da EDAR de Couso, por outra. O que, sumado a que esta última depuradora recaia na Xunta, podería conducir a un escenario no que ata tres entidades ou empresas diferentes (catro, se se inclúe a Viaqua, concesionaria do actual servizo municipal de augas) corran coa xestión do saneamento, cos conseguintes problemas que isto pode carrexar, por exemplo, no caso de que ante unha avaría uns atribúan a responsabilidade aos outros, por non sinalar o feito de que o sistema informático que regula os colectores da EDAR de Couso está enclavado dentro da propia depuradora.

Tanto o máis preocupado se amosou o alcalde polas repercusións económicas. Neste senso, a partir do 1 de febreiro a Xunta vai comezar a cobrar o cen por cen do que lle supoña a prestación do servizo, ben vía canon (un consumidor podería chegar a pagar por este concepto arredor de 50 €/trimestre en función dos tramos) ou ben repercutindo ese importe no Concello, que ao non contar cunha ordenanza fiscal que o regule se atoparía con serios atrancos á hora de afrontar este pago sen menoscabar a prestación doutros servizos municipais. Dado que a Xunta grava polo consumo, un sector moi prexudicado sería a hostalería.

Unha primeira estimación apunta o que a factura da Xunta pola EDAR de Riveira se podería elevar ata un 20% máis do que custaría no caso de que fose municipal, tendo en conta as baixas que se prevén de licitarse a xestión dende o Concello. A isto hai que engadir que os veciños de Corrubedo, Olveira e Artes deberían afrontar tamén o pago da súa EDAR e ademais tamén habería que asumir colectivamente os gastos dos colectores e tanques de tormenta, o que conlevaría que veciños de distintas parroquias estarían pagando facturas distintas por unha depuración similar (e incluso a que se pague por infraestruturas das que non se é beneficiario, como pode ser o caso dun veciño de Corrubedo polos colectores de Couso), e non un mesmo importe como contemplaba a ordenanza fiscal plantexada polo Executivo, rachando así co principio de xustiza distributiva.

6 euros/mes
Ademais, o feito de que distintas entidades corran con distintas infraestruturas estaría impedindo economías de escala e encarecendo o servizo; mentres que se a xestión fose municipal, dos 24,30 euros ao trimestre de aumento inicialmente previstos se podería rebaixar en función das ofertas recibidas durante a licitacións ao entorno de 6 euros ao mes.

Á vista deste escenario, Ruiz Rivas sinalou que se reunirá cos distintos grupos para tentar reverter esta situación antes do 31 de xaneiro a través da adopción dun novo acordo plenario.