No segundo semestre de 2019 rozáronse aproximadamente 329.000 metros cadrados de fincas urbanas de titularidade municipal, e máis de 95.000 metros lineais. Así o indicou en rolda de prensa este xoves o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández. En total, foron 14 actuacións en vieiros e 74 actuacións de limpeza de terreos en distintos puntos da cidade e da periferia.
Entre as fincas nas que se actuou está a do Castiñeiriño paralela á circunvalación que enlaza coa estrada de Ourense. Na rúa da Raiola limpáronse os accesos ao colexio, igual que ao lado do instituto de Pontepedriña, na rúa do Pintor Urbano Lugrís. Tamén se arrombou a rúa do Castiñeiriño, e rozouse a finca que hai fronte ao estado de fútbol do Fátima e a parcela municipal situada na rúa de José Antonio Souto Paz, debaixo do CEIP Ramón Cabanillas.
Ademais, limpouse a maleza da rúa de Emilia Pardo Bazán, en Santa Marta; a da rúa da Benéfica de Conxo e a da glorieta de Conxo de Arriba. Tamén se rozou a finca situada na avenida de Ferrol, esquina con Romero Donallo, que é propiedade municipal.
Outra zona importante na que se actuou foi o barrio das Fontiñas. Limpouse o muro lateral da rúa de Lisboa e na rúa de Berlín rozouse a finca que hai a carón do Centro Sociocultural de Fontiñas. Ademais, retirouse a maleza da rúa de Gonzalo Torrente Ballester, da praza da República de Uruguai coa rúa de Fontiñas, da rúa Outeiro de Sar, da rúa de Rodríguez de Viguri e da rúa da Altiboia, na que se rozou a finca que hai detrás do Conservatorio Profesional de Música.
No barrio das Cancelas limpáronse os laterais da avenida do Camiño Francés, fronte ao centro comercial das Cancelas, e os laterais da rúa de Victoria Kent, nos accesos de atrás.
Tamén se levaron a cabo rozas na rúa de Mallou, na rúa da Calzada das Cancelas (esquina coa rúa do Ceo), na rúa Pequena, na avenida de Vicente Risco paralela a Xoán Paulo II, na rúa das Cancelas (ao lado do campo de fútbol) e na glorieta da rúa da Campiña.
En Salgueiriños limpouse a avenida do Cruceiro da Coruña e rozouse por segunda vez na Granxa de San Lázaro e en Amio. Outras zonas nas que se retirou a maleza foron a avenida de Asturias, xa chegando a Meixonfrío; e a estrada N-634 ao seu paso por San Marcos, onde tamén se limpou a entrada á urbanización. Ademais, traballouse na zona de Angrois, concretamente na rúa do Sol e na rúa do Mouronzón.
Tamén se actuou sobre fincas edificadas, como o edificio de bombeiros que hai en Salgueiriños. Ademais de rozalo, procedeuse a retirar toda o lixo acumulado no interior. “A primeira roza -segundo explicou o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández- é a máis difícil. Son fincas que levan moitos anos sen limpar, e os toxos, xestas, maleza e outras especies arbóreas presentan troncos grosos, difíciles de cortar. Pero unha vez rozadas, engadiu, “bastará con realizar labores de mantemento cada certo tempo”.
Colaboracións
A gran maioría destes traballos de limpeza estanse facendo, ademais de coa Brigada Municipal de Vías e Obras e a empresa concesionaria do mantemento, coas asociacións Aspas e Itínera. Así, a colaboración municipal co Centro Especial de Emprego de Aspas xorde dunha aposta activa da Asociación pola integración e normalización no ámbito laboral das persoas con discapacidade intelectual. Entre as actividades que realizan, figura a limpeza e mantemento de fincas e vías públicas.
En canto á asociación Itínera, unha das súas actividades é a educación medioambiental, polo que forman grupos de traballo ou cuadrillas, formadas por voluntarios sociais, para realizar limpezas de camiños, muros, edificacións, paseos, etc., e para ocuparse do seu mantemento constante.
“Dende o concello seguiremos apostando pola colaboración con estas entidades e pola inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos ou en risco de exclusión social”, afirmou o concelleiro a propósito desta dobre colaboración.
Fincas privadas
Dende o Concello tamén se lle enviaron avisos a promotoras, construtoras e particulares para que procederan a limpar as fincas da súa propiedade. Segundo indicou Javier Fernández, “o máis difícil é localizar a algúns deses titulares, porque hai fincas que teñen varios propietarios, e hai outras das que non se coñece o titular, ao ser resultado de sucesivas herdanzas”