Friday 22 de November de 2024

Rey mostra a súa satisfacción por conseguir un consenso que permitirá que a cidade avance


 

A alcaldesa participou esta mañá nos Almorzos Institucionais de Ascega (Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia), onde valorou o carácter social dos orzamentos aprobados hoxe no Pleno

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá nos Almorzos Institucionais, organizados por Ascega (Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia), e realizou unha valoración dos orzamentos municipais dos que destacou o seu carácter social e os proxectos de sustentabilidade ambiental que contemplan cun especial interese na mellora da mobilidade urbana. A rexedora felicitou o colectivo polos dez anos de traxectoria, xa que “o voso labor é importantísimo para acubillar e asesorar as persoas autónomas e profesionais de empresas pequenas e medianas, por defender os seus intereses e apoiar o emprendemento”.

Recordou tamén o papel de Ascega por mediar entre quen trata de buscar ocos no mercado e as administracións públicas e as actividades que organiza como o encontro de hoxe para informar de primeira man de cuestións que atinxen ás socias e socios e que, neste caso, lle permitirán avanzar á cidade. Con respecto ás partidas, Rey sinalou que está tranquila por ter o traballo feito e contar cunhas contas expansivas que favorecerán unha acción de goberno máis ampla baseada na reactivación económica e na garantía dos servizos sociais e públicos, así como no cumprimento da axenda 2030. Rey remarcou o esforzo realizado polo edil de Facenda, José Manuel Lage, e o seu equipo para conseguir un equilibrio entre ingresos e gastos e agradeceu as propostas presentadas polas distintas forzas dentro dunha negociación “imprescindible e necesaria”. Por iso a alcaldesa ratificou a súa satisfacción polo consenso acadado esta mañá.