Friday 22 de November de 2024

O Multiúsos de Frades acolle a preestrea da curtametraxe “Monte Bravo”, cuxos exteriores foron gravados na área do Muíño de Céltigos


A directora é Noelia Muiño, veciña de O Pino, e a curta está rodada con veciños e veciñas da contorna

O multiúsos de Frades vén de acoller a preestrea da curtametraxe “Monte Bravo”, dirixida por Noelia Mª Muíño González (O Pino, 1992), e cuxos exteriores foron gravados na área recreativa do Muíño de Céltigos (Frades). “Monte Bravo” é unha curta sobre Paula, unha nena que vive nunha aldea de Galicia trala Guerra Civil e que un día, xogando co seu irmán con síndrome de Down, ve un home lobo no monte. Entón cuestiónase se é real ou produto da súa imaxinación.

Noelia Muíño explica que “Monte Bravo” está “rodada integramente en Galicia e en galego, interpretada por actores non profesionais, aínda que despois desta curta xa se poden considerar profesionais, seleccionados de entre as veciñas e veciños dos concellos da contorna”. Uns veciños e veciñas que asistiron á presentación da curtametraxe, acto no que tamén estiveron presentes os dous actores protagonistas: as crianzas Paula Vázquez Corral e Pablo Blado Rey, acompañados das súas respectivas familias; así como Isabel Figueira Salgueiros, quen interpreta o papel da nai, e María del Carmen Corral Sanjurjo, avoa real da protagonista e que interpretou tamén á avoa na curtametraxe.

O concelleiro de Cultura de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de dar a benvida aos presentes e de agradecer a Noelia Muíño que escollera Frades como escenario da súa curtametraxe. “Somos un concello pequeno pero que ten unha gran riqueza natural, como se pode ver nesta área recreativa do Muíño de Céltigos que serve de escenario a este interesante traballo de Noelia Muíño”, apuntou Ferreiro Marzoa.

Agradecementos

Pola súa banda, a directora aproveitou para dar as gracias ao alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e ao concelleiro de Cultura, Manuel Marzoa, “por ternos apoiado dende o primeiro momento para que este proxecto saíse adiante, ademais de cedernos esta sala para que poidamos proxectar a curta”. “Cando viñemos ó concello de Frades falando deste proxecto, buscando localizacións para gravar, Manuel levounos a facer un tour para ver todos os muíños da zona. Finalmente decidimos gravar no Muíño de Céltigos, e o concello encargouse de acondicionalo para que todo estivese perfecto para a rodaxe. Así que se non fose por Manuel, hoxe non estaríamos vendo esta curta. Os veciños de Frades son moi afortunados de ter unha persoa como el no concello, defendendo a cultura e apoiando ós novos creadores dende as institucións”, sinalou Noelia Muíño.

“Tamén quero dar as gracias especialmente ás familias de Paula e Pablo, polo seu esforzo e paciencia; a Mª Carmen e Isabel, que interpretan á avoa e a nai na curta. E á familia de Carlos Ponte, os cales sen coñecernos previamente nos cederon desinteresadamente a súa casa para a rodaxe. E, evidentemente, a todos os familiares, veciños e amigos que hoxe estades aquí, e aos que non puideron vir tamén por ternos axudado ao longo dun proceso tan laborioso, gracias ao cal hoxe temos esta curta da cal estamos moi orgullosos de ensinar. Gracias a todos por facer isto posible”.

Biografía da directora

Noelia Muíño (O Pino, 1992) recibiu a prestixiosa beca “La Caixa” coa que cursa o Máster en Dirección de Cine da New York University (USA). É guionista, produtora, directora e editora de dúas curtas documentais e catro curtas de ficción. Os seus traballos foron seleccionados por distintos festivais de España. Tamén desenvolveu a súa faceta como directora de Fotografía para o piloto de serie Zita, please! e nas curtas “Wolf” e “Over your shoulder”, de Gianna Badiali; e “Safe among the Stars”, de Jess Snow, que formou parte da selección oficial do AAFF e do New York Film Fest.

Noelia Muíño traballou como editora para o New York Times e como cámara 3D en series e películas de animación como “Tadeo Jones 2”, a película de animación de máis éxito da historia en España e gañadora do Goya na súa categoría.

Antes de proxectar “Monte Bravo”, o multiúsos de Frades acolleu a presentación e proxección das dúas curtas anteriores da directora: “A viúva” e “Hora silenciosa”. A curta de ficción “A viúva” foi gañadora de varios premios nos festivais de cine de Ourense, Cans, Alacante, Meira e no Ruirau Film Festival. A curta conta a historia de Virxinia, unha viúva que volve á casa tralo funeral do seu marido, cando un veciño chama á porta. El ofrécelle axuda para quitar unha cabeza de xabaril disecada que ten no salón, pero ambos saben que ten outros motivos para a súa visita.

A curta documental “Hora Silenciosa” foi premiada no Festival de Cine Etnográfico do Museo do Pobo galego e seleccionada en varios festivais, entre eles na Semana do Cine de Lugo, o Festival Etnovideográfico de Castilla e León e o Festival de Cans. Esta curta transcorre no convento de beneditinas de San Paio, no cal as monxas realizan as súas tarefas diarias en silencio. Entre rezos, cánticos, comidas, labores de cociña e limpeza, transcorre a vida destas monxas observando a regra de San Benito, ora et labora, e dando testemuño dun estilo de vida clausural que parece abocado ao seu fin.