Friday 22 de November de 2024

Máis de 26.000 persoas achegáronse ao galego no seu tempo de lecer da man do ‘FalaRedes 2014’ de Cultura e Educación


O programa de dinamización lingüística vén de pechar a súa exitosa terceira edición tras despregar por toda Galicia preto de 200 propostas dirixidas ao público en xeral, nomeadamente á infancia e á mocidade

Máis de 26.000 persoas achegáronse ao galego no seu tempo de lecer este ano grazas ao FalaRedes 2014, o programa de dinamización lingüística promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística que vén de pechar a súa exitosa terceira edición tras despregar por toda Galicia preto de 200 actividades.

Todos os concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia recibiron desde o pasado mes de marzo a visita dalgunha ou varias das seis propostas incluídas no programa dinamizador, que se clausura cun balance moi positivo grazas á boa acollida que tiveron todas as súas actividades: o concerto infantil Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas, o concurso Os Bolechas e o Sabichón, a xincana Augalingua, o concerto de fados Os sons do vento que pasa e o concerto-obradoiro Brinca vai de aquí a acolá!

Rematada a terceira edición do FalaRedes, a Secretaría Xeral de Política Lingüística xa traballa para darlle continuidade a partir do primeiro trimestre de 2015, cunha renovada programación que volverá chegar a todas as entidade da RDL co obxectivo de fomentar o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre o público de todas as idades, nomeadamente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con propostas de calidade no noso idioma.

Toc Toc
Isto foi precisamente o que logrou a terceira edición do FalaRedes, que botou a andar en marzo co concerto infantil Toc Toc, co que o músico Pablo Díaz achegou o galego de xeito lúdico e divertido a máis de 5.000 nenos e nenas e ás súas familias. O aplaudido espectáculo, no que o artista Pablo Díaz interpretou as cancións do seu libro homónimo, chegou ata abril a 20 localidades da RDL, rexistrando cheos absolutos en cada unha delas.

As fabas máxicas
Coa segunda proposta do programa de dinamización lingüística, a obra infantil As fabas máxicas, Caramuxo Teatro achegoulle de balde a dramaturxia en galego ás máis de 2.500 persoas que gozaron desta nova versión do coñecido conto Xan e as fabas máxicas, unha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra foron da man e que entre abril e setembro chegou a 28 concellos da Rede, os seis últimos grazas á colaboración da Deputación da Coruña.

Os Bolechas e o Sabichón
De maio a setembro, a proposta que arrasou entre a cativada de toda Galicia foi o concurso Os Bolechas e o Sabichón, o espectáculo de monicreques que enfrontaba os irmáns Braulio e Loli Bolechas e co que Bolanda Edicións fixo as delicias de máis de 12.000 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. Esta actividade, na que a xente miúda demostrou as súas habilidades lingüísticas da man dos seus personaxes favoritos, todo un referente positivo para eles asociado ao galego, visitou 57 vilas coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en municipios da súa competencia territorial.

Augalingua
Chegado o verán, a actividade estival Augalingua foi a encargada de refrescar o noso idioma nos 20 concellos polos que pasou entre xullo e agosto, nos que fixo as delicias de máis de 400 rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos. Grazas a esta proposta de Reverso Comunicación Cultura e Lingua, a rapazada gozou dunha xincana na piscina municipal ou praia fluvial da súa vila que combinou actividades de lingua con probas de habilidade e rapidez, ligando unha vez máis a imaxe do idioma á diversión e aos xogos.

Os sons do vento que pasa
Destinado ao público de todas as idades, co concerto de fados Os sons do vento que pasa a compañía Elefante Elegante invitou o público a achegarse á música tradicional portuguesa a través da lingua propia de Galicia cun innovador espectáculo do que gozaron máis de 3.200 persoas nas 36 vilas da RDL que visitou entre os meses de xuño e decembro. Gonçalo Guerreiro puxo a voz e Dani Pais os arranxos dixitais e musicais nun concerto que demostrou que calquera música se pode facer en galego.

Brinca vai de aquí a acolá!
Xa na recta final do ano, FalaRedes incorporou unha sexta proposta, de novo dirixida ao público familiar, para pechar a exitosa edición 2014. Co concerto-obradoiro Brinca vai de aquí a acolá! o actor e músico Paco Nogueiras conquistou a xente miúda da casa cunha divertida actividade da que gozaron máis de 2.500 persoas nos 26 concellos nos que fixo parada entre novembro e decembro. Unha vez máis, ao igual que xa pasara co Toc Toc, a música actuou como fonte de transmisión do galego ao promover que os nenos e nenas seguisen cantando as cancións tras finalizar a actividade, convertida nunha auténtica festa.

Así pois, FalaRedes chegou durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL con seis actividades e preto de 200 sesións gratuítas coas que reforzou a oferta de ocio na nosa lingua dos distintos municipios.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal e tamén nas redes sociais.