O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso, reuniuse esta mañá con Ángeles Vázquez para trasladarlle o seu interese en sacar adiante este documento para desenvolver unha zona que, a día de hoxe, está fóra do planeamento vixente dende o ano 2000
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de cooperar co Concello de Cariño na redacción dun plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do seu casco mariñeiro. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez ao primeiro edil, José Miguel Alonso, no transcurso da reunión que mantiveron esta mañá para abordar a situación urbanística do concello.
Neste sentido, o alcalde explicoulle os plans municipais para desenvolver e dinamizar o casco antigo da vila a través desta nova figura de planeamento, que podería contribuír a humanizar e dinamizar unha zona conformada por unhas 800 fincas urbanas e máis de 710 vivendas, na súa maioría de estilo mariñeiro, que a día de hoxe están fóra do PXOM vixente dende o ano 2000.
Ante a petición de colaboración que lle fixo o rexedor cariñés, Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar a posibilidade de que o seu departamento colabore co concello para sacar adiante o devandito plan especial. En todo caso, subliñou que calquera vía de colaboración entre ambas administracións deberá contar co compromiso do Concello de asumir parte do financiamento necesario para levalo a cabo.
10 millóns para axudar aos concellos cos PXOM
A Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos planeamentos municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento.
Entre as distintas vías ás que recorre o Goberno autonómico para fomentar que os municipios conten con plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a redacción dos seus plans urbanísticos. De feito, nestes momentos ten comprometidos 10 millóns a través de convenios de colaboración cos concellos que están a redactar os seus planeamentos, entre eles, o de Cariño, que ten concedida unha subvención polo 100% do custo do novo PXOM.
Nestes momentos e grazas á aposta realizada pola Xunta na última década polo urbanismo responsable, son xa 105 os concellos galegos que contan cun PXOM adaptado e acorde á normativa vixente, dos cales 75 foron aprobados polo actual Goberno desde o ano 2009.