Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón incrementa nun 64% o número de Pedronías concedidas en 2019


 

O perfil do turista que visita o municipio é o dunha persoa maior de 60 anos, que viaxa en grupo organizado e está interesada no Camiño de Santiago

O Concello de Padrón expediu en 2019 un total de 6.590 diplomas da Pedronía, un 64% máis ca no 2018, cando se concederan 4.010. Unhas cifras que corroboran o acerto da Concellería de Turismo e Xacobeo 21 ao apostar pola recuperación deste camiño, ligado á tradición Xacobea e que era habitual entre os peregrinos dos séculos XII e XIX, e que mesmo levou á creación da aplicación web “Creando consciencia na Pedronía”.

O percorrido da Pedronía é de 25 km entre Padrón e Santiago, pasando polos concellos de Ames, Teo e Rois. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, sinala que “dende o Concello xa presentamos toda a documentación necesaria pero seguimos á espera de que a Xunta se pronuncie dunha vez por todas e recoñeza este camiño como ruta Xacobea oficial. Estamos convencidos de que os datos históricos así o avalan e de que Padrón é o berce do Xacobeo, polo que agardamos que dende Patrimonio axilicen a tramitación do expediente para poder así darlle un maior impulso á Pedronía de cara á celebración do Xacobeo 2021”.

Os datos de visitas á Igrexa parroquial de Santiago de Padrón corroboran un incremento de máis do 23% no número de peregrinos no último ano: máis de 64.000 persoas fronte ás 51.700 rexistradas no ano 2018. E é que este templo padronés recibiu a visita dun total de 91.452 persoas en 2019, fronte aos 76.129 visitantes rexistrados en 2018. No albergue municipal aloxáronse do 2019 un total de 9.993 persoas.

Perfil do turista

Pola súa banda, a Oficina de Turismo de Padrón atendeu en 2019 a un total de 44.698 persoas, un 4,4% máis ca en 2018, cando se atendeu a un total de 42.802 visitantes. De acordo cos datos manexados pola Oficina de Turismo, o perfil do turista que visita Padrón é o dunha persoa galega, maior de 60 anos, que viaxa nun grupo organizado e que amosa interese polo Camiño de Santiago.

Así, o 85% das persoas procede de España, na súa maioría de Galicia (38%), seguida por Andalucía (13%), Madrid (9%) e Castela e León (85%). No que atinxe aos visitantes do estranxeiro, o 88% procede de Europa, o 9% de América e o 3% restante doutros países como Australia, Corea do Sur, Xapón, Sudáfrica ou China. A maioría dos turistas estranxeiros chegan de Portugal (máis de 3.600 persoas), seguido por Alemaña (algo máis de 1.000), Francia e Italia.

Segundo os datos reunidos pola Oficina de Turismo, o Camiño de Santiago foi o principal motivo da viaxe a Padrón para catro de cada dez viaxeiros, seguido polas recomendacións (26%), o clima e a paisaxe (15%) e visita a familiares/amigos ou a gastronomía (ambas cun 11%). Por grupos de idades, o 42% supera os 60 anos e o 36% ten entre 36 e 60 anos. O 14% das persoas que visitaron Padrón en 2019 tiña entre 18 e 35 anos mentres que o 8% restante tiña menos de 17 anos.

Finalmente, o 89% das consultas de información realizadas na Oficina de Turismo tiñan relación coa vila de Padrón e os seus arredores; o 9% interesouse por outros municipios próximos e un 2% realizou outro tipo de consultas alleas á información turística.