Un total de 56 das 106 aldeas xa teñen cobertura de fibra óptica e as 50 restantes están incluídas nas convocatorias dos programas do Estado
Máis da metade das aldeas de Brión xa dispoñen de cobertura ou teñen previsión de cobertura de fibra óptica, segundo datos ofrecidos pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao Concello de Brión. O alcalde, José Luís García, celebra que “a día de hoxe, 56 das 106 aldeas de Brión contan con cobertura ou previsión de cobertura de fibra óptica. E os outros 50 núcleos están incluídos como entidades elixibles nas convocatorias de axudas anuais que publica o Estado no marco do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración”.
De feito, o Concello de Brión vén de recibir a confirmación de que 30 desas 50 aldeas que non tiñan acceso a este servizo xa están incluídas nunha subvención que o operador Telefónica acaba de recibir da convocatoria 2019 do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración do Estado. Deste xeito, antes de 2021 estará despregada esta rede en: Baliño, Beca, Chave da Ponte, Reboredo Grande, Vidaloíso, Vilas e Xinzo (Bastavales), Soutullo (San Salvador), Tembra (Boullón), Alfonsín, Cornanda e A Graña (Cornanda), Amañecida, Ardións, Cristimil, Espiñeiros, Goiáns, Mato, Nináns, Tourís e Vexo (Luaña), Fonte Paredes, A Igrexa, Ons, Pazos e Salaño Grande (Ons), Esparís, Forxán, Ombre e Pousada (Viceso).
Durante o ano 2019 este programa estatal despregou fibra óptica de Telefónica nos núcleos de Cabanas e Gontade (na parroquia de Os Ánxeles) e Brans de Abaixo, Brans de Arriba, Brión de Arriba, Cabreiros, O Casal, O Enxo, Gronzo, Lamiño, Liñares, Pedrouzos e Quintáns (na parroquia de Brión). Así mesmo, tamén vén de completarse a rede en Mourentáns (Viceso), esta última grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia.