Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca de San Sadurniño lánzalle un novo reto lector á rapazada


 

O mes de xaneiro adoita ser o dos bos propósitos que se queren levar a cabo durante o ano que empeza. Cadaquén ten o seu -baixar de peso, deixar de fumar, cambiar a dieta, facer máis exercicio…- pero, en todo caso, trátase de tomar o arranque do ano como escusa para cambiar algún hábito ou varios á vez. E iso tamén vale para a Cultura. Neste sentido, a Axencia de Lectura de San Sadurniño convídanos a que incluamos a lectura entre eses propósitos de 2020. Ademais, e pensando na rapazada, a Biblioteca municipal lanza un reto que ao final do ano terá recompensa.

A proposta consiste en ler alomenos unha ducia de obras do catálogo da axencia, no que hai volumes de todo tipo e para todos os gustos e idades. Porén, de cara a mover o maior número posible de exemplares e tamén coa maior variedade temática, o reto lector marca como debe facerse a elección de títulos.

Así, será obrigatorio ler unha obra que entrase como novidade na biblioteca, un libro de narrativa sobre a vida real, algún de misterio ou terror, alomenos unha obra de banda deseñada ou álbum ilustrado, un libro que teña un ou varios animais como protagonistas, un libro de aventuras, unha obra que levase algún premio literario galego, outra con premio literario infantil, un conto clásico, un libro de fantasía, un exemplar de poesía e, ademais, unha obra de ciencia.

A orde de lectura de cada obra queda á escolla de cada participante no reto. É importante ter en conta que os libros deben sumar ao final de 2020 un total de 12, é dicir, non se pode cumprir cunha mesma obra varios dos requisitos de lectura. Poñamos un exemplo: se algún rapaz ou rapaza escolle “Xelís, o guieiro das botellas de mar” -Premio Merlín 2019- estará lendo un libro que entraría en tres dos apartados por ser de fantasía, ter recibido un premio literario en galego e, ao mesmo tempo, un premio literario infantil. Malia cumprir con tres condicións, coa lectura desta obra só podería xustificarse unha desas tres condicións do reto, pero non as tres á vez. Insistimos, hai que comprometerse a ler alomenos unha ducia de libros. Ao finalizar o ano entregaráselle a cada participante un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.

Para participar no reto lector só hai que pasar pola Biblioteca municipal e comentarllo á responsable, Anabel Gavín, quen nos orientará á hora de elixir os títulos. O horario de apertura limítase agora ás tardes de luns a venres -de 16.30 a 21.00h.- posto que Gavín se encontra traballando durante parte das mañás no Arquivo Municipal, logo de ter feito un mestrado universitario específico en materia de arquivística e xestión documental. A bibliotecaria municipal está encargándose dunha nova fase de ordenación dos fondos documentais do Concello e, sobre todo, adaptando referencias do sistema XARAL -o estándar actual da administración galega- ao programa ARQA que a Xunta de Galicia quere implantar en todos os municipios do país por medio dunha convocatoria de axudas á que San Sadurniño tamén ten previsto concorrer.

Máis actividades da biblioteca durante este mes
Alén do reto lector que nos lanza, a Biblioteca Municipal continuará durante todo o ano desenvolvendo diversas actividades de animación á lectura, dirixidas principalmente ao alumnado do CPI de San Sadurniño. De feito, tanto a área de Cultura e Deportes como a de Igualdade manterán en 2020 unha ampla oferta exclusiva e gratuíta para o centro escolar que só neste mes de xaneiro chega ás 11 propostas desde Infantil a Secundaria, ás que cómpre engadirlle a formación en TIC da Aula CeMIT.

No referido á Axencia de lectura están confirmadas sesións matinais os días 13, 20 e 27 nas que as nenas e nenos de Primaria asistirán á proxección dun conto e logo visitarán a biblioteca. Tamén se retomará o programa mensual “Lendo polos corredores” -alumnado de Primaria e Secundaria-, continuarán as xuntanzas do Club de Lectura -para todas as idades- e os encontros dos venres pola tarde para a lectura dramatizada de obras teatrais.