Monday 25 de November de 2024

As temperaturas baixo cero non conxelan a Cabalgata de Reis de Lousame, unha das máis concorridas dos últimos anos


Esta tarde terá lugar un Festival de Reis no polideportivo municipal

A ilusión da rapazada e as familias de Lousame foi quen de impoñerse ao forte frío e as xeadas caídas esta noite no municipio, permitindo que a Cabalgata de Reis polas parroquias fose todo un éxito. De feito, non só houbo que facer todas as paradas senón que mesmo se fixeron algunhas non previstas (Lesende, Vilar de Reconco, Marracín, Ces…) ao atopar grupos de nenos e nenas no traxecto da comitiva real.

Un claro exemplo da xornada foi San Xusto, onde se pasou de 0 nenos en 2017 e 1 nena en 2019 a dez cativos esta mañá, a pesar de que os termómetros marcaban temperaturas entre os 1 e os 5 grados durante gran parte do percorrido. Durante a viaxe polas distintas parroquias, os nenos e nenas aproveitaron para saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar, lembrarlles o contido da carta, facerse unhas fotos e levar un bo feixe de caramelos e lambonadas para a casa. Ademais, para os máis rezagados, as Súas Maxestades tamén repartiron cartas para que as poidan entregar no Festival de Reis desta tarde.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, acompañou á comitiva dende Aldeagrande ata Camboño e agradeceu o traballo dos técnicos municipais, membros de Protección Civil e voluntarios/as locais, sen cuxo esforzo non sería posible esta iniciativa. Esta tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, o polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” acollerá o Festival de Reis con inchables, e visita dos Reis Magos, que rematará cunha degustación gratuíta de chocolate con churros.

Para facilitar a asistencia do maior número posible de veciños e veciñas, sobre todo daquelas aldeas polas que non pasou a cabalgata desta mañá, o Concello de Lousame puxo á súa disposición un servizo gratuíto de transporte: 4 autobuses que recolleron a todos os veciños e veciñas que o desexaron nas paradas habituais do colexio e que os volverán levar aló unha vez rematada a festa.