Friday 22 de November de 2024

O Programa Reacciona de Economía e Industria impulsará a competitividade de máis de 300 empresas durante o 2015


A través deste programa, o Igape favorece a profesionalización na xestión das pemes, imprescindible co obxectivo de que poidan consolidarse e gañar tamaño

A Consellería de Economía e Industria impulsará en 2015 a mellora da competitividade de arredor de 300 pemes, ao abeiro da segunda edición do programa ReAcciona, que vén de ser activado co obxectivo de achegar ás pemes galegas diagnósticos gratuítos e a implantación de proxectos de mellora, contando co asesoramento de expertos en cada eido da xestión empresarial.

O programa ten como obxectivo fundamental a profesionalización das pemes, especialmente das de menor tamaño, para que poidan medrar e gañar tamaño. Para isto, búscase potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas, de cara a que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente.

Deste xeito, o ReAcciona achega diagnósticos de competitividade e servizos de mellora para que as empresas localicen e superen as súas debilidades nos diferentes ámbitos de xestión. O programa está activado para recibir, a través da web do Igape –www.igape.es/reacciona-, as solicitudes das empresas interesadas, que recibirán resposta case inmediata á súa demanda de servizos.

Durante a primeira edición, o Igape impulsou máis de 500 proxectos de mellora da competitividade que beneficiaron a arredor de 330 empresas. Algúns dos sectores dos que se rexistrou máis demanda destes servizos avanzados foron os de transportes e turismo, TIC, agroalimentario ou manufactureiro en xeral.

Así mesmo, cómpre salientar que os servizos avanzados de mellora competitiva están a ser altamente valorados polas empresas que os implantan. De feito, arredor do 34% das empresas beneficiarias do programa ReAcciona solicitaron máis dun servizo, conformando así verdadeiros itinerarios de mellora para cubrir as súas necesidades.

O programa ReAcciona pon a disposición das pemes un conxunto amplo de servizos para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o relanzamento comercial, a estratexia ou os procesos de produción, na procura dun impacto positivo global nas compañías.

O desenvolvemento de cada un dos proxectos de mellora conta co asesoramento de expertos e a colaboración activa de bolseiros que teñen así a oportunidade de tomar un primeiro contacto co mundo laboral mentres se especializan en diferentes ámbitos da xestión empresarial.