De 17:00 a 20:00 horas haberá un carrusel de cabaliños gratuíto para os nenos e nenas
A Cabalgata de Reis 2020 de Padrón cambiará este ano lixeiramente o seu percorrido ao trasladarse a recepción oficial da corporación municipal ás Súas Maxestades da tradicional casa consistorial á carpa que estará instalada no campo do Souto, debido a unhas obras que se están realizando no inmoble fronte á casa do concello. A cabalgata estará composta por tres carrozas, unha por cada rei, que irá acompañado por catro paxes, todos eles integrantes da rede de voluntariado de Padrón.
As Súas Maxestades sairán ás 17:30 horas do polígono de Picusa para pasar pola rúa Real e o Paseo do Espolón ata a Igrexa Parroquial de Santiago de Padrón, onde farán a súa tradicional ofrenda no Belén Vivente aló instalado. A cabalgata proseguirá polo paseo do Espolón, Praza de Macías e rúa Longa ata chegar á carpa instalada no campo do Souto, onte terá lugar a recepción por parte do alcalde de Padrón, Antonio Fernández, acompañado por membros da corporación municipal.
Baixo esta carpa terá lugar a recepción das Súas Maxestades aos nenos e nenas de Padrón, que recibirán agasallos e lambonadas. Así mesmo, de 17:00 a 20:00 horas, todos os nenos e nenas poderán desfrutar de balde do carrusel de cabaliños Hernáiz, instalado no Souto e para o que o Concello de Padrón estivo a repartir gratuitamente vales (3 por neno/a) durante as tres últimas semanas.