O Concello de San Sadurniño investirá preto de 109.000 euros nas novas instalacións
A empresa pontesa Construcciones Canosa S.L. comezou esta mañá a xuntar ferramenta e material ao pé do local social de San Xiao de Lamas, que nos próximos dous meses será obxecto de obras de ampliación coas que se pretenden mellorar a accesibilidade e o aproveitamento do recinto. Concibido inicialmente máis como un chalé que como un centro cívico, o local acusaba o problema de ter moitas habitacións e máis ben pequenas -agás o baixo e a cociña- e o de estar estruturado en dous andares sen ascensor, algo que dificultaba o uso da parte superior polas persoas de maior idade. Os traballos que comezaron hoxe oficialmente solventarán esta situación construíndo unha nova ala no lateral con arredor de 130 m² de superficie útil practicamente diáfana.
Tal e como recordaba esta mañá Secundino García, a ampliación do local social “foi unha demanda expresada varias veces nas asembleas do orzamento participativo, pero houbo que agardar a dispoñer de financiamento para poder levalo a cabo”. O proxecto tivo encaixe económico no Plan complementario provincial de 2019 e licitouse por un importe próximo aos 112.000 euros. A adxudicataria dos traballos foi a firma Construcciones Canosa S.L. cunha oferta de 108.943,50€ -ive incluído- e un prazo de execución de dous meses.
Do deseño da obra encargouse o arquitecto Alfonso Botana, quen recolleu nos planos o acordo do Goberno local coa veciñanza da parroquia de cara a que o novo espazo se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan: ximnasia para persoas maiores, cursos da Rede CeMIT e todo tipo de reunións sociais.
A conclusión á que se chegou como máis axeitada foi a de aproveitar parte da parcela para construír un salón polivalente anexo ao edificio principal. As instalacións estarán comunicadas co andar inferior do local social e suporán un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². Os planos mostran unha edificación de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente, xunto con rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida.
A empresa encargada da obra trouxo hoxe mesmo parte do material de traballo necesario con idea de meterse en faena o mércores da semana que vén. Os primeiros labores consistirán na preparación do entorno e do muro de contención do ribazo traseiro do futuro local, para o que será necesario retirar varios camións de terra e aplomar o noiro, onde tamén se instalará un sistema illante e de drenaxe. Unha vez feita esta parte comezarase coas zapatas e logo continuarase coa fase propiamente construtiva do edificio.
O arranque da obra prodúcese catro meses despois de que o Concello a licitase, un tempo normal en canto a prazos de contratación que, porén, “fixo que algúns veciños e veciñas preguntasen se se ía facer ou non o local”, comenta Secundino García. “Os procedementos de licitación e de adxudicación das obras teñen os seus prazos legais establecidos e hai que respectalos. Ademais tivemos días de moi mal tempo e as datas do Nadal, que son inhábiles na construción. Agora a cousa está posta a andar e agardemos que, se non hai contratempos, na primavera se poida abrir este novo espazo público”.
Festas do San Xiao
O comezo dos traballos coincide cos preparativos da celebración do San Xiao despois de anos sen festas na parroquia. A cita é o próximo 11 de xaneiro con sesión vermú animada por La Favorita e verbena compartida por esta orquestra e o grupo D’Vicio.
Diante do local social montarase o xoves anterior unha grande carpa. A empresa construtora xa adaptou a súa programación para que as obras na zona non inflúan na organización da festa nin tampouco a festa no desenvolvemento dos traballos.