Friday 22 de November de 2024

O director xeral de Agader e o alcalde de Noia visitan o obradoiro de panificación Dubraseda, que recibiu 200.000 euros da medida Leader


 

Freire Abeijón anuncia dúas actuacións de mellora da pavimentación en Argalo e Roo cunha achega de preto de 100.000 euros da Consellería de Medio Rural

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, visitaron esta mañá o obradoiro de panificación Dubraseda, situado no Polígono de Augalevada e que foi beneficiario dunha axuda da medida Leader por importe de 200.000 euros na convocatoria de 2018.

Estes fondos, que foron xestionados polo Grupo de Desenvolvemento Rural Deloa (GDR 18) destináronse á posta en marcha dun taller para a elaboración de masas conxeladas doces e salgadas, formado pola instalación dunha liña de formado de empanadas e a compra dunha nave existente. O investimento total por parte do promotor deste proxecto produtivo superou os 600.000 euros.

Medida Leader

Nesta visita o director xeral de Agader destacou a importancia das achegas da medida Leader para dinamizar o agro galego, tanto a través de proxectos produtivos -caso deste de Noia- como non produtivos, de relevancia social ou cultural, en ambos casos xerando riqueza e emprego no rural. Pérez Dubois salientou así mesmo a dinámica de traballo da medida, cun enfoque de abaixo-arriba que garante a participación activa dos axentes do territorio.

Neste caso concreto, o director xeral puxo en valor tamén a innovación presente neste proxecto, así como a súa preocupación polas tendencias de consumo da poboación para desenvolver unha iniciativa que se apoia na investigación para procurar dar un valor engadido ao seu produto e mellorar, así, a súa competitividade.

Por último, Pérez Dubois lembrou que hai só uns días o Diario Oficial de Galicia publicaba a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e dotadas cun orzamento que supera os 6,6 millóns de euros.

Investimentos en Noia

O alcalde noiés aproveitou a visita de Miguel Pérez Dubois para agradecer a colaboración da Consellería do Medio Rural nunha serie de actuacións que se van levar a cabo en Noia, concretamente nas parroquias de Argalo e Roo, e outras que xa se levaron a cabo no polígono industrial de Augalevada e que suman máis de 190.000 euros. “Grazas á colaboración de Medio Rural imos realizar unha actuación na parroquia de Argalo de mellora da pavimentación con aglomerado, concretamente entre Argalo e a aldea de Becoio, que terá continuidade ata Lousame”, explicou Santiago Freire, quen adiantou que “ademais farase unha mellora no saneamento da aldea de Becoio e despois tamén en Vilaboa”.

A segunda das actuacións terá lugar na aldea de Vilaverde, na parroquia de Roo, onde se mellorará o pavimento da conexión entre as aldeas de Vilaverde e Paradela, continuando ata Santa María de Roo. “A Consellería de Medio Rural achega máis de 40.000 euros a cada unha destas actuacións, polo que estamos falando dunhas melloras na pavimentación das nosas estradas de preto dos 100.000 euros”, sinala Freire Abeijón.

Uns cartos que se suman aos traballos realizados no propio polígono de Augalevada, “unha zona na que se levaba moito tempo sen actuar e comezaba a amosar un deterioro nos seus viarios interiores que, grazas a unha subvención da Xunta, que achegou o 80%, xunto ao 20% achegado polo Concello permitiu mellorar a capa de rodadura e a sinalización dos viarios interiores do polígono”.

As obras consistiron na pavimentación dos dous viarios principais do polígono noiés, de 480 e 310 metros de longo e 8 metros de ancho, así como de dúas rotondas e dous abanicos con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa preparación da base e con rego de imprimación incluído. Os traballos inclúen tamén a adaptación de 22 pozos e arquetas á nova rasante, así como ao pintado de símbolos, cebreados e isletas preexistentes.