Saturday 16 de November de 2024

Carlos Negreira, en nome da corporación e de todos os coruñeses, manifestou a súa enorme satisfacción pola decisión de Alco


O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, en nome da corporación e de todos os coruñeses, manifestou a súa enorme satisfacción pola decisión de Alcoa de retirar o expediente colectivo de despedimento que pesaba sobre o equipo da planta coruñesa, e fixo extensiva o seu parabén aos traballadores da planta de Avilés.
Negreira celebra que a segunda poxa enerxética vía de solución que defendeu dende o primeiro momento servise para que Alcoa garanta a produción rendible da factoría da Grela durante os próximos doce meses. Para o alcalde coruñés “é unha magnífica noticia, o mellor regalo de Nadal para as 400 familias que viviron duras horas de incerteza,”. O Goberno local coruñés trasladou, así mesmo, o seu agradecemento ao Ministerio de Industria polo esforzo realizado, á Xunta de Galicia e, moi especialmente, ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, polo apoio firme á postura dos traballadores que o alcalde solicitou dende que se coñeceron as intencións da empresa.
Para o alcalde, a retirada do expediente de extinción é “outra vitoria colectiva desta cidade; de todos os coruñeses que saben identificar as reivindicacións cando parten da sensatez e a xustiza”. Invitou a todos eses veciños que se colocaron do lado dos traballadores a compartir a súa alegría e a celebrar a resolución deste conflito como “un motivo máis para a esperanza e a ilusión polo futuro desta cidade”.
Carlos Negreira aproveitou para recordar que a noticia supón a vitoria nunha batalla, pero que non se debe perder nin un minuto en comezar a traballar por un escenario que permita a Alcoa e ao resto de empresas en situacións similares poder planificar o seu futuro a medio e longo prazo sobre unha base máis estable que a que poida derivar dunha poxa de carácter anual. “Os traballadores de Alcoa non se merecen outro Nadal como a que pasaron”. Sinalou que dende o Concello se vixiará moi estreitamente para que, con tempo abondo e dende o diálogo, se alcance unha solución definitiva que achegue estabilidade.
O alcalde trasladou persoalmente aos representantes dos traballadores o seu parabén e desexoulles unhas felices festas en compañía das súas familias.