Friday 22 de November de 2024

Os Reis Magos de Oriente pasarán por Moeche un día antes


O Concello e a ANPA do CEIP San Ramón organizan unha festa infantil que comezará ás 16.30h. do sábado na nave do mercado

 

Os Reis Magos levan varios anos chegando a Moeche moito antes que a calquera outro concello da comarca. Iso ten como vantaxe que a rapazada escusa andar apurada na noitiña do 5 tentando achegarse a eles para recordarlles o que xa lles escribiron nas cartas. É máis: que Melchor, Gaspar e Baltasar pasen primeiro por aquí significa que as nenas e nenos os terán para si un bo pedazo, de maneira que a atención personalizada por parte das SS.MM. estará totalmente garantida.

O Concello organizará en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón a festa de benvida que merecen estes persoeiros. Os Magos de Oriente chegarán á nave do mercado este sábado, día 4 de xaneiro, sobre as 19.00h., pero no lugar xa haberá moito rebumbio desde as 16.30h., momento en que comezarán todas as actividades coas que ir animando o ambiente: música, un obradoiro de maquillaxe, unha tirafonda xigante para apuntarlle a bonecos de neve, inchables, etc.

Para correr o frío haberá calefactores e tamén un saboroso chocolate con churros que se servirá de balde a iso das 19.30h.

Ao día seguinte a cativería de Moeche poderá ir a calquera outra cabalgata coa tranquilidade de ter xa virado un dos choios máis importantes do ano.