Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 279.000€ na área de Ferrolterra para fomentar o emprego nas cooperativas e sociedades laborais


Estas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria incentivan as incorporacións de novos socios e traballadores a estas empresas de economía social

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas Aprol Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o funcionamento deste tipo de empresas na comarca de Ferrolterra.

Esta convocatoria permitiu que na provincia da Coruña se investisen ata hoxe algo máis dun millón de euros en 73 incorporacións de socios traballadores e outros 73 de novo persoal coa condición de socio.

Na área de Ferrolterra, un total de 8 cooperativas e sociedades laborais dos municipios de Ferrol, Fene, Valdoviño, As Somozas e Cerdido recibiron un investimento de algo máis de 279.000 euros euros para 16 incorporacións de novo persoal coa condición de socio e 18 incorporacións de socios .

Esta orde de axudas Aprol Economía Social da Xunta de Galicia conta con dúas liñas. A primeira, que se concede a cooperativas e sociedades laborais, ten por obxecto facilitar a incorporación de socios traballadores a cooperativas ou sociedades laborais. A axuda por cada persoa incorporada pode ir desde os 6.000 € ata os 16.500, en función das circunstancias.

A segunda das liñas vai dirixida á persoa física que accede como socio traballador á cooperativa ou sociedade laboral que pode estar ou non traballando xa como asalariado na entidade. Tamén poden acollerse a ela aquelas persoas que inician unha actividade como autónomas e se incorporan a unha cooperativa, en réxime de exclusividade, para a comercialización ou transformación dos seus produtos. Esta axuda ten por finalidade facilitar a achega de capital social para incorporarse como socio. O importe pode chegar igualmente aos 16.500.