Thursday 21 de November de 2024

Máis de 5.000 persoas despiden o ano correndo a San Silvestre


A alcaldesa, Inés Rey; o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego; e a edila de Turismo, Diana Cabanas, acudiron á entrega de premios dunha das probas deportivas máis divertidas do calendario

A alcaldesa, Inés Rey; o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego; e a edila de Festas, Diana Cabanas, asistiron á entrega de premios dunha carreira popular San Silvestre, que congregou na súa décima edición a preto de 4.700 participantes na categoría absoluta e a 400, nas modalidades infantís. Organizada polo Club Deportivo Rialto e o Concello da Coruña, a proba xuntou sobre o perímetro de asfalto a coruñeses e coruñesas de varias xeracións que quixeron despedir o ano movendo o esqueleto ataviados e ataviadas con prendas festivas da época.

En concreto, as crianzas das subcategorías A e B desfrutaron dun circuíto cerrado no Parrote, mentres que as persoas adultas percorreron un total de 7.250 metros cumprindo así cunha tradición que se segue en distintas cidades do estado, unha cita que como explicou a rexedora na presentación, é saudable pero tamén divertida e “na que os e as participantes se esquecen das marcas e saen a correr para gozar e despedir neste caso o 2019 ao grande”. A cita deportiva foi patrocinada por Abanca, Coca Cola, Método Construcción, Gadis e Termaria.