Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño agasalla ao seu persoal cun cartucho de Nadal cheo de produtos elaborados na comarca


O Concello promociona ao longo do ano a produción alimentaria local organizando charlas, cursos, visitas á horta de froiteiras e outras accións coas que se quere manter viva a mensaxe de que o rural é un medio cheo de posibilidades para vivir do que dá a terra. E non só iso, senón que tamén predica co exemplo durante estas datas agasallando ao seu persoal funcionario e laboral cun cartucho de Nadal cargado de delicias galegas, na súa maior parte producidas na comarca. Da preparación do deste ano encargouse a Cooperativa Campo Capela, que botou na cesta moita cousa rica e da máxima calidade.

A área de Persoal encomendoulle á cooperativa facer un total de 37 lotes -un para cada membro da plantilla municipal-, que tiveron un custe unitario de 40€. Un prezo ben barato se temos en conta a presentación e o que vén dentro das cestas: unha caixa de manteigadas das Pontes, noces, crema de licor Meigas Fóra, mel da Casa do Mel de Goente, unha tableta de chocolate Antoxo, marmelada e un queixo de Campo Capela, un doce crocante de Bico de Xeado e unha caixiña de saborosas galletas de nata Maruxas que, por certo, xa empezaron a producirse en Santa Mariña do Monte despois de que a empresa decidise trasladar a súa actividade a San Sadurniño.

Tal e como comenta o responsable do departamento, Manolo Varela, o cartucho de Nadal “é un pequeno detalle co persoal municipal”. O edil lembra que os cartuchos varían o seu contido dun ano a outro, coa finalidade de darlle cabida, sempre dentro do orzamento dispoñible, a unha produción agroalimentaria local e comarcal “que ten moita oferta, practicamente de todo” e que por ese mesmo motivo “permítenos facer unha cesta distinta cada ano”.

Alén dun agasallo para o persoal do Concello, a entrega do cartucho é tamén “un xesto de concienciación sobre os produtos próximos e da máxima calidade polos que todas e todos deberiamos apostar”. Segundo comenta Manolo Varela elixir eses artigos na nosa compra diaria “axuda a soster a nosa pequena industria agroalimentaria e un sistema de produción case artesanal que, ademais, é sostible desde o punto de vista ambiental e social”.

O concelleiro incide en que a aposta polos alimentos de quilómetro cero é unha “teima constante”da área de Desenvolvemento local que el tamén dirixe. Neste sentido, tanto o Concello como outras entidades deste ámbito -a AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel de Goente, principalmente- desenvolven ao longo do ano numerosas actividades formativas, informativas e de concienciación ao respecto do potencial agrogandeiro da nosa zona.

Na mesma liña Varela tamén agarda que a posta en marcha do centro de transformación alimentaria na antiga nave dos queixos de Moeche “sirva de locomotora para seguir avanzando na formación e na posta en valor de produtos aos que non se lles está sacando todo o partido que poden dar de si”.

Na creación deste centro están implicados os concellos de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño. Nel investiranse máis de 200.000 euros co obxectivo de reformar as antigas instalacións e dotalas da maquinaria necesaria para facer todo tipo de elaboracións e envasados. O proxecto “que confiamos en ter posto a andar neste ano que empeza” conta con financiamento da Consellaría do Medio Rural -quen comprometeu 12.000 euros- e tamén do programa Leader xestionado polo GDR Seitura 22, cunha achega inicial de 119.000 euros.