Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 85.000€ na área do Barbanza para fomentar o emprego nas cooperativas e sociedades laborais


Estas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria incentivan as incorporacións de novos socios e traballadores a estas empresas de economía social

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas na comarca do Barbanza de Aprol Economía Social da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o funcionamento deste tipo de empresas.

Esta convocatoria permitiu que na provincia da Coruña se investisen ata hoxe algo máis dun millón de euros en 73 incorporacións de socios traballadores e outros 73 de novo persoal coa condición de socio.

Na área do Barbanza, 3 cooperativas e sociedades laborais dos municipios de Serra de Outes, Carnota e Ribeira recibiron un investimento de algo máis de 85.000 euros para 7 incorporacións de socios traballadores e 7 de novo persoal coa condición de socio.

Esta orde de axudas Aprol Economía Social da Xunta de Galicia conta con dúas liñas. A primeira, que se concede a cooperativas e sociedades laborais, ten por obxecto facilitar a incorporación de socios traballadores a cooperativas ou sociedades laborais. A axuda por cada persoa incorporada pode ir desde os 6.000 € ata os 16.500, en función das circunstancias.

A segunda das liñas vai dirixida á persoa física que accede como socio traballador á cooperativa ou sociedade laboral que pode estar ou non traballando xa como asalariado na entidade. Tamén poden acollerse a ela aquelas persoas que inician unha actividade como autónomas e se incorporan a unha cooperativa, en réxime de exclusividade, para a comercialización ou transformación dos seus produtos. Esta axuda ten por finalidade facilitar a achega de capital social para incorporarse como socio. O importe pode chegar igualmente aos 16.500.