Tono Gómez Ríos e Beatriz Barroso Pérez venceron no Trail Curto e máis de 300 persoas participaron na Andaina Solidaria
O nicrariense Luís Calvo Castro e a viguesa Aroa Sío Recknold (Land Sport & Hoka One One) fixeron bos os prognósticos e volveron gañar, por segundo ano consecutivo e con total autoridade, o Trail San Silvestre de Lousame “Minas de San Finx”. E iso a pesar de que esta terceira edición estreaba un novo trazado, máis duro e un quilómetro máis longo ca en 2018. Onde si houbo novidades foi no Trail Curto, no que Tono Gómez Ríos (Atletismo Sar-Vermú Petroni) e Beatriz Barroso Pérez (Tribu Trail) tomaron o relevo de Rubén Martínez Mayo e Laura González Couce, que este ano no participaron na proba. Dúas carreiras que completaron un total de 268 atletas, 106 do Trail Longo e 162 do Trail Curto.
Por terceiro ano consecutivo, o corredor independente Luís Calvo Castro venceu con autoridade en Lousame cun tempo de 1 hora, 56 minutos e 32 segundos, cun ritmo de 4:39 por quilómetro. Calvo Castro sacoulle case 2 minutos ao segundo clasificado, Elpidio Gómez Sousa (Castro Trail), que aguantou a metade da proba a menos de medio minuto de Luís Calvo pero que na baixada do monte Culou foi perdendo tempo ata entrar en mata cunha marca de 1 hora, 58 minutos e 29 segundos. Completou o podio Emilio Montilla Fernández, do GTR Galaico Trail Run, cun tempo de 1 hora 59 minutos e 12 segundos. O resto de clasificados chegaron por riba das dúas horas de proba.
Na categoría feminina, a vencedora foi a gran favorita e campioa galega de Trail Aroa Sío Recknold cun tempo de 2 horas, 14 minutos e 52 segundos que lle permitiron entrar no posto 14 da clasificación xeral. Se cómoda foi a vitoria de Luís Calvo, moito máis folgada foi a de Aroa Sío quem cun ritmo de 5 minutos e 23 segundos por quilómetro, avantaxou na liña de meta en case 13 minutos á segunda clasificada, a campioa galega de trail María Ferreiro (GMTA & Chuvonvers), que chegou no posto 29 cun tempo de 2 horas, 27 minutos e 38 segundos. Completou o podio Silvia Casal Domínguez (tamén do GMTA & Chuvonvers) cun tempo de 2 horas, 32 minutos e 06 segundos.
A esixencia deste Trail Longo, que completaron 106 corredores e corredoras, queda demostrada no feito de que a derradeira persoa que entrou en meta empregou un total de 3 horas, 55 minutos e 14 segundos en cubrir os 25 km.
Trail curto
No que atinxe ao Trail Curto, a vitoria foi para Tono Gómez Ríos (Atletismo Sar – Vermú Petroni) cun tempo de 1 hora, 10 minutos e 55 segundos, cun ritmo de 4:25 por quilómetro. Este forte ritmo, tres segundos por debaixo o marcado este ano, unido ao aumento da dureza e da lonxitude do Trail Longo, fixo que as entradas dos primeiros clasificados de ambas probas case coincidiran no tempo. Ao igual que no Trail Longo, Tono Gómez dominou a proba con autoridade dende o primeiro momento, chegando a sacarlle máis de sete minutos na liña de meta ao segundo clasificado: Adrían Iglesias Penido (Tribu Trail), cun tempo de 1 hora 17 minutos e 59 segundos. Completou o podio Manuel Canoura Abeijón (Ponte Trail), cun tempo de 1 hora e 18 minutos.
Na categoría feminina, o trunfo foi para Beatriz Barroso Pérez (Tribul Trail), segunda na pasada edición, que foi quen de rebaixar en máis de 5 minutos o seu tempo de 2018, ata parar o cronómetro en 1 hora, 27 minutos e 33 segundos, entrando no posto 17 da proba xeral. Segunda foi Elena Matalobos Redondo (SD. Barbantia Roda) cun tempo de 1 hora 30 minutos e 42 segundos. O único premio para unha atleta local conseguiuno Natalia Martínez Arias (Lousame Trail) cun tempo de 1 hora 40 minutos e 51 segundos.
Entrega de premios
Os premios foron entregados por José Antonio Ces Blanco, concelleiro de Turismo e Relacións Veciñais; Néstor Romero, técnico de Deportes e presidente do Club Lousame Deporte; José Luís Nava Ruíz, representante de Lurbel; María Luís Ferreiro, de Galicia Es +; así como Celia e Cayetana, as dúas xemelgas da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. Premiouse aos seis gañadores de cada Trail, masculino e feminino, cuns trofeos e Luís Calvo e Aroa Sío recibiron dous “totems” especiais coa imaxe de “Jibilén”, o xabarín que dende esta edición se converte na mascota do Club Lousame Deporte.
O Tribu Trail levou o premio ao equipo con maior número de participantes (un total de 17) e Chefa Cajuso Barbazán (Club Atletismo Negreira) e José Rial Pais (Club Atletismo Outes), cuxo premio foi recollido pola súa filla Rosana Rial García.
Néstor Romero fixo tamén entrega dun cheque por 2.036 euros á presidenta da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Loló Suárez, recadados entre as persoas que participaron na proba, principalmente na Andaina. Uns cartos que serán entregados ao equipo do doutor Federico Martiñón Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para continuar coas investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara. Así mesmo, entre os atletas que chegaron á meta sorteáronse agasallos consistentes en produtos artesanais elaborados en Lousame (como licor de Berrimes, mel e marmeladas de Merelle…) e material deportivo cortesía de Hoka One One
Desenvolvemento da proba
O tempo acompañou durante toda a xornada pois, se ben comezamos a mañá con temperaturas de entre 1 e 2 graos, segundo foi avanzando a mañá quedou un tempo moi agradable para practicar deporte. As probas desenvolvéronse sen ningunha incidencia grave, máis aló das típicas escordaduras, cambras e tiróns musculares típicos neste tipo de probas e que só supuxeron un abandono. Para palialos no posible, a organización puxo a disposición dos participantes un servizo de fisioterapia a cargo de Fisioterapia Cinesia.
Durante a mañá, todas as persoas que o desexaron puideron visitar o museo das Minas de San Finx onde a encargada das visitas no centro de interpretación, Mayte Sobradelo, lles fixo un breve relato da historia deste enclave. Durante a saída e a chegada, os altetas estiveron acompañados por un xinete caracterizado o médico das minas, Don Teo.
Durante o percorrido polos montes lousamiás, os participantes estiveron vixiados por varias ambulancias de Cruz Vermella de Noia e Ambulancias Nordés, así como por membros de Protección Civil de Lousame e Boiro, así como por máis de medio cento de veciños e veciñas do Voluntariado de Lousame e do Club Trabandainas, que ademais axudaron nas tarefas previas de marcaxe e limpeza do circuíto. Unhas persoas ás que a organización agradece a súa desinteresada e fundamental colaboración para o desenvolvemento deste tipo de eventos.
O Trail estivo organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, contando coa colaboración das empresas Autos Comparado, Lurbel, Hoka One One, Fermín Simal Construcións, Grupo Nosa, Canaltec e Fisioterapia Cinesia.