Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Padrón agarda ter aprobados en 2020 os documentos iniciais dos Plans Especiais do casco histórico e de Iria Flavia


 

Antonio Fernández detallou en Pleno os avances na tramitación de ambos plans e do PXOM, pendentes de adaptarse á nova lei 1/2019 de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia

“Espero que en 2020 teñamos aprobados os documentos iniciais do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico (PEPRIC) e do Plan Especial de Protección da ex-colexiata de Santa María de Iria Flavia e a súa contorna”. Así o apuntou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá a petición dos grupos da oposición municipal.

Unha sesión que aprobou por unanimidade impulsar e axilizar a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico (PEPRIC) e do Plan Especial de Protección da ex-colexiata de Santa María de Iria Flavia e a súa contorna. “Imos axilizar os traballos na medida do posible”, anunciou Antonio Fernández, quen lembrou os avances realizados nos últimos tres anos e detallou os traballos feitos neste ano 2019, despois da sesión plenaria do pasado 21 de xaneiro sobre esta mesma cuestión.

Así, o alcalde de Padrón explicou que en agosto de 2019 se procedeu a actualizar toda a documentación do PEPRIC, incluíndo tanto as obras executadas como as que xa están en marcha; e que en outubro deste mesmo ano se avanzou nas correccións precisas para publicar o documento inicial do Plan Especial de Protección da ex-colexiata de Santa María de Iria Flavia e a súa contorna.

Porén, os equipos redactores dos Plans Especiais e do PXOM aconsellaron agardar á publicación do Regulamento que desenvolverá a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, toda vez que os tres plans deberán cumprir con esta nova normativa. “É fundamental que os nosos plans estean adaptados á nova lei, cuxo regulamento é previsible que se aprobe nos próximos meses”, indicou Fernández Angueira.