Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso investirá 100.000 euros no 2015 nun novo centro cívico na parroquia de Oroso, que permitirá ampliar o actual


O alcalde Manuel Mirás anuncia que con este investimento culminarase o programa de arranxo e mellora de centros cívicos, nos que o Concello leva investido case medio millón de euros nos últimos anos

O Concello de Oroso vai investir 100.000 euros no ano 2015 para ampliar o local social da parroquia de Oroso a través da construción nun novo inmoble a carón do actual. Así consta nos Orzamentos Municipais que o Concello de Oroso aprobará este venres 26 de decembro, ás 8:30 horas, en sesión extraordinaria. “Deste modo dotaremos ás 240 familias que hai nesta parroquia dun centro cívico onde poder reunirse, xa que o actual local social quédaselles moi pequeno”, explica Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Así llo anunciou Mirás Franqueira aos veciños e veciñas da parroquia de Oroso que participaron esta fin de semana nunha nova edición dos Encontros co Alcalde. Mirás Franqueira explica que “con esta actuación culminaremos o programa de arranxo e mellora de centros cívicos realizado en todas as parroquias do municipio, no que o Concello de Oroso investiu case medio millón de euros nos últimos anos”.

Novo inmoble

O concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, explica que “a ampliación consistirá un edificio de planta baixa e moi semellante ao que fixemos hai uns anos na parroquia de Trasmonte, cun deseño moi funcional e que se adapta á realización de todo tipo de actividades da parroquia”. O novo edificio construirase na parte posterior da antiga escola unitaria da parroquia de Oroso, “polo que posiblemente teremos que buscarlle unha nova ubicación ao parque infantil que está instalado na zona”, adianta Veiras Rey.

Estes 100.000 euros previstos nos Orzamentos de 2015 súmanse aos 20.000 euros que o Concello de Oroso investiu no segundo semestre de 2013 para rehabilitar o interior da antiga escola unitaria da parroquia, que estaba a ser utilizado como local social polos veciños e veciñas. Os traballos permitiron daquela recuperar a segunda planta da antiga unitaria, onde se reforzou a estrutura, se tiraron tabiques para que os veciños dispuxeran dun espazo máis amplo e se colocaran fiestras novas, un novo chan e se pintara todo o inmoble.

Sen embargo, Mirás Franqueira apunta que “Oroso é unha parroquia que conta cunhas 240 familias e o actual local social que lles habilitamos na unitaria quedábaselles moi pequeno, polo que no 2015 disporán dun novo centro cívico onde poder reunirse, celebrar actividades e participar tamén nas distintas actividades que organizamos todos os anos dende o Concello de Oroso”.

Esta actuación suporá culminar un programa de construción e mellora de locais sociais nos que o Concello de Oroso ten investido preto de medio millón de euros. Este plan permitiu a apertura do Centro Cívico de Pasarelos (situado no inmoble dunha antiga escola unitaria e que supuxo un investimento de 40.000 euros) e a construción dos centros socioculturais de Cardama (138.000 euros) e Trasmonte (116.000 euros). Así mesmo, o Concello de Oroso realizou tamén importantes obras de remodelación nos locais sociais de Bran e do Cachopal (Os Ánxeles), Deixebre, Marzoa e Gándara.