Na final da competición o equipo gañador tivo que disputar a victoria co conxunto de A Barra é Nosa
O Concello de Boqueixón acolleu unha nova xornada deportiva no pavillón municipal do Forte na tarde do 25 de decembro coa celebración do xa tradicional Torneo Interparroquial de Fútbol Sala. Unha competición moi emocionante, na que catro equipos loitaron por alzar o trofeo, e na que os marcadores se mantiveron moi igualados ata case os últimos minutos. O equipo Reale Lestedo foi o vencedor desta cita co deporte en Boqueixón, tras un intenso partido fronte A Barra é Nosa. No terceiro e cuarto lugar quedaron Herdeiros e Vente Vindo, dous equipos que tamén mostraron unha dinámica de xogo moi igualada, e que, por tanto, ofreceron un partido moi emocionante ata o final, cando se impuxo o xogo de Herdeiros.
O alcalde Manuel Fernández Munin entregou os trofeos e aproveitou para felicitar o Nadal a todos os asistentes. “Compráceme ver como esta competición deportiva se converteu nunha cita ineludible do Nadal en Boqueixón, e agardo que o vindeiro ano sigamos desfrutando deste bo ambiente que aquí se xerou gracias ao xogo limpo que defenderon todos os xogadores”, sinalou o rexidor.
Esta actividade enmarcase no programa de Nadal que desenvolve o Concello para todos os veciños de Boqueixón, e que se completa con representacións de teatro, un espectáculo de maxia, a tarde de Reis e un programa de conciliación para as familias.