Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Deputación levan a rapazada ao partido de baloncesto entre o Obra e o San Pablo


Hai autobús e entrada de balde para rapazada de 8 a 16 anos

O sábado 11 de xaneiro xógase no pavillón Fontes do Sar de Santiago o partido da ACB entre o Obradoiro e mailo San Pablo de Burgos. Un encontro do máximo nivel ao que a rapazada de San Sadurniño poderá ir completamente de balde convidada polo Concello ea Deputación da Coruña. Hai dispoñibles 55 prazas para nenas e nenos de entre 8 e 16 anos que se cubrirán por orde de inscrición pasando pola Casa do Concello.

O Monbús Obradoiro CAB marcha 13º da clasificación da Liga ACB e recibirá nesta ocasión ao equipo burgalés no que promete ser un apaixoante enfrontamento. Os santiagueses loitan por asentarse na tranquilidade do medio da táboa mentres que o San Pablo -un dos equipos revelación da temporada- tenta seguir sumando para aguantar a posición ou incluso subir máis chanzos no quinteto de cabeza.

O partido é unha ocasión excepcional para ver o mellor baloncesto no templo galego deste deporte: o Pavillón Fontes do Sar.

A cita é o sábado 11 de xaneiro a partir da 18.00h. O bus desde San Sadurniño sairá de diante da Casa do Concello ás 16.00h. A viaxe está pensada para cativería de entre 8 e 16 anos, que irá acompañada de dúas persoas adultas de monitorado.Recoméndase levar algo para merendar -froita, bocadillo, auga, etc.-, xa que transcorrerán arredor de cinco horas entre a saída e o regreso.

Para asistir ao partido dentro desta expedición hai que apuntarse entregando debidamente cuberta esta ficha no rexistro municipal, xa sexa presencialmente ou a través da Sede Electrónica. A asignación de prazas farase por orde de entrada das solicitudes, que deberán presentarse como moi tarde o día 9 de xaneiro.