A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na asemblea anual da Asociación, onde puxo en valor un acordo de colaboración encamiñado a reforzar os recursos e servizos destes recintos para favorecer o desenvolvemento comercial
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou na asemblea anual da Asociación Galega de Feiras – Agafe, onde se puxo en valor un acordo de colaboración encamiñado a impulsar a competitividade dos recintos feirais de Galicia. O encontro, que contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, permitiu resaltar a importancia dun convenio que persegue mellorar os recursos e servizos destes recintos de cara favorecer o desenvolvemento comercial de Galicia.
Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, reforza a súa aposta polas actuacións desenvolvidas pola fundacións feirais dada a súa capacidade para contribuír á reactivación da actividade económica de Galicia.
Neste sentido, e como resaltou a propia directora xeral, a colaboración entre sectores, materializada en Agafe, que suma 60 asociados en diversos campos de actuación, permite optimizar a xestión dos complexos feirais, prestando especial atención á calidade dos servizos que desempeñan. “Coa mellora da competitividade destes recintos e a posta en valor dos seus recursos e servizos, buscamos contribuír ao impulso da economía galega”, incidiu Vázquez Abeal.
Entre as actuacións do convenio destaca a posta en marcha dun modelo de medición do impacto socioeconómico nas áreas correspondentes, así como outras iniciativas como a detección de necesidades de internacionalización e accións de mellora ou o desenvolvemento dunha plataforma web.