A alcaldesa, Inés Rey, anuncia unhas partidas de 260 millóns de euros destinadas a políticas de benestar social cun compromiso firme co medio ambiente e unha especial incidencia na mobilidade urbana
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá o acordo entre o Goberno municipal e os grupos de BNG e Marea para aprobar o proxecto de orzamentos para 2020, que serán históricos, dado que alcanzarán a cifra de 260 millóns de euros. A rexedora destacou a actitude de diálogo de todas as forzas de cara a lle daren luz verde a unhas partidas que serán o ano que vén “netamente progresistas, e comprometidas co futuro da nosa cidade” e que se basearán en políticas de benestar social cun firme compromiso co medio ambiente e unha especial incidencia na mobilidade urbana: “Os grupos municipais de PSdeG- PSOE, Marea Atlántica e BNG acordamos sumar esforzos, construíndo unha maioría de carácter progresista e galeguista co obxecto de sacar adiante os orzamentos para o ano 2020, favorecendo así a implementación das políticas transformadoras que demandan as veciñas e os veciños da nosa cidade”.
Será un orzamento expansivo, engadiu, que reforzará tanto o investimento como o gasto social, o que favorecerá a mellora dos servizos públicos municipais. Rey
apuntou que a distribución dos fondos públicos terá en conta todos os barrios da cidade e que tratarán de garantir con eles o dereito á vivenda e o benestar de proximidade. Neles, primarán as propostas no referente á Área de Igualdade e na defensa dos intereses da cidade, por riba de calquera interese partidario. A rexedora asegurou que se lle reclamarán á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado os investimentos necesarios para o desenvolvemento económico e social da Coruña e da súa área metropolitana. Entre as políticas sociais que se queren desenvolver, recalcou a ampliación de servizos e prestacións coma os de axuda no fogar ou o reforzo de programas educativos e a consolidación das bolsas de estudo no estranxeiro así como a gratuidade das escolas infantís municipais (0 a 3 anos).
Canto á dinamización económica, a alcaldesa concretou medidas como a creación dun Consello Económico e Social e a elaboración dun plan de comercio que atenda a posta en marcha dunha bolsa de baixos comercial en réxime de alugamento e un estudo sobre o desenvolvemento e industrialización para A Coruña e a súa área metropolitana. No referente á vivenda, ofertaranse vivendas en alugueiro e promoverase a rehabilitación de edificios, xunto coa eficiencia enerxética. Neste aspecto, constituirase un operador 100% municipal que axilice a transición a modelos sustentables e expandiranse e melloraranse as zonas verdes.
Tamén permitirán dar un paso importante na aposta pola mobilidade coa reforma global do mapa das liñas do autobús urbano e co aumento das frecuencias nos barrios peor comunicados. Rey apuntou que o ano que vén executarán o primeiro Plan de accesibilidade co redeseño de vías, prazas, parques e rotondas, de maneira que se acurten camiños e minimicen os rodeos, e traballarán en reforzar a Rede de Centros Cívicos municipais e en numerosas actuacións que permitan manter e mellorar os equipamentos veciñais.
Rei explicou que nos vindeiros días vaise convocar unha Xunta de Goberno Local para poder aprobar o proxecto de Orzamentos e comezar o trámite. Deseguido reunirase a Comisión de Facenda e, posteriormente, xa ao inicio de ano, realizarase un Pleno extraordinario para o seu debate e aprobación. A día de hoxe, estanse
pechando os últimos documentos administrativos e nestes días poderán coñecerse en detalle os orzamentos de 2020 coa convocatoria da XGL.