Nicolás Outeiral e Carla Codesido veñen de gañar o II Torneo de Xadrez “Concello de Lousame”, que tivo lugar nas instalacións do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro e no que participaron un total de 19 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. O tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, e a directora do colexio, Pilar Cobas, foron os encargados de entregar os premios.
O torneo dividiuse en dúas categorías, Sub-14 e Sub-10, e disputouse mediante o sistema suizo de emparellamento. Na categoría Sub-14, o gañador foi Nicolás Outeiral, quen fixo pleno de vitorias. Acompañárono no podio Pedro Fernández, quen perdeu a derradeira partida con Nicolás, e Daniel Boo, quen conseguiu o terceiro posto tras empatar a puntos con outros catro xogadores, o que reflicte o parello que estivo o torneo. Na categoría Sub 10 houbo pleno feminino, con Carla Codesido como gañadora, quedando segunda Lara Maceiras e terceira Aleixa González.
Este II Torneo de Xadrez “Concello de Lousame” forma parte da primeira fase do campionato Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).