Saturday 16 de November de 2024

Galicia pecha o ano 2014 liderando a oferta de establecementos turísticos certificados co Q de Calidade Turística


A Comunidade galega conta con 268 establecementos e servizos turísticos distinguidos con este distintivo, 19 máis que en 2013

Un ano máis, a Comunidade Autónoma de Galicia, lidera a oferta de establecementos turísticos certificados co Q de Calidade Turística, dentro do Sistema Turístico de España. Dun total de 268 establecementos e servizos turísticos certificados, Galicia conta con 110 aloxamentos hoteleiros, casas de turismo rural e cámpings distinguidos con este selo, o que a sitúa como primeira neste sector.

Galicia pecha 2014 con 58 establecementos hoteleiros certificados co Q de Calidade turística, dous cámpings e 50 aloxamentos rurais. Deste xeito, a Comunidade galega conta con oito hoteis certificados máis que en 2013 e, no turismo rural, lidera o ránking nacional.

Neste eido, Galicia conta con preto do 50% das casas rurais certificadas e, en 2014, constituíuse como o territorio con más hoteis e apartamentos turísticos distinguidos -58, dun total de 406-.

Balnearios e campos de golf
Por outra parte, Galicia, co máis do 21% dos balnearios de España certificados co Q de Calidade turística, lidera con oito establecementos as distincións de calidade turística neste sector.

No eido dos campos de golf distinguidos co Q de Calidade turística en 2014, a Comunidade galega conta con dúas certificacións, o que a sitúa tamén no primeiro lugar de España neste ámbito do turismo deportivo.

Galicia é a comunidade autónoma española que conta tamén con máis instalacións náutico deportivas distinguidas con esta marca de calidade. Así, no litoral galego están certificadas 13, das 20 instalacións de toda España, o que supón o 65% de distincións totais.

Ademais, a Comunidade galega, con catro empresas certificadas, lidera o ámbito do turismo activo -44,4% do total das distincións- e, con dous establecementos distinguidos co Q de Calidade turística, conta co 100% dos locais de ocio nocturno.
No ámbito do turismo industrial, Galicia tamén é líder co máis do 54% dos servizos turísticos certificados, con 13, sobre un total de 24.

Este ano, a Comunidade galega mantívose tamén no segundo posto canto ás axencias de viaxe certificadas co Q de Calidade turística, o que supuxo un 18,2% de todas as empresas de España -42 axencias de 231-.

Galicia conta este ano por primeira vez con dúas oficinas de turismo co distintivo do Sistema de Calidade Turística de España e ten certificacións en dous pazos de congresos, 11 praias e 59 servizos de restauración.

Sistema de Calidade Turística de España
O Sistema de Calidade Turística de España, foi implantado no ámbito de todo o Estado español polo propio sector turístico, co apoio do Goberno Central e as Comunidades autónomas.

Na actualidade, estanse a desenvolver en Galicia programas de calidade turística, dentro da marca Q nos subsectores turísticos relativos a hoteis, apartamentos turísticos, turismo rural, axencias de viaxes, cámpings, balnearios, servizos de restauración, praias, axencias de viaxes, pazos de congresos, turismo activo, ocio nocturno, turismo industrial, oficinas de información turística, campos de golf e instalación náutico deportivas.

A estratexia da marca turística Q consiste en dotar ás empresas do sector turístico español dun sistema de xestión e mellora da calidade de produtos e servizos que lles permitan crean unha vantaxe competitiva axeitada ós novos retos do mercado, e conseguir así o recoñecemento da imaxe de marca de España como destino de calidade.