Friday 22 de November de 2024

Un total de 4 cooperativas agrarias de Bergantiños-Costa da Morte reciben máis de 223.000€ en axudas da Xunta para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo


Ovidio Rodeiro destacou que os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria de forma comunitaria, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a cooperativa Ganaderías de Bergantiños SCG en Coristanco para informar da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo (CUMAS).
Esta cooperativa recibiu unha achega máis de 47.000 euros para facer fronte a un investimento de máis de 136.000 euros para a adquisición dunha fresadora e un tractor.
Ovidio Rodeiro destacou que “na comarca de Bergantiños-Costa da Morte resultaron beneficiadas 4 cooperativas dos concellos de A Laracha, Coristanco, Dumbría e Zas, sendo o importe total das subvencións de máis de 223.000 euros”.
Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.

Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ao tempo, procúrase tamén reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

O delegado territorial puxo en valor que “en toda a provincia da Coruña recibiron estas achegas 20 cooperativas cun investimento total de máis de 1,3 millóns de euros e en Galicia foron 36 as cooperativas beneficiadas cunha achega global de 2,8 millóns de euros”.
Ovidio Rodeiro destacou que “os principais obxectivos que se perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria e equipos agropecuarios de forma asociativa, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético”.
O importe da achega será do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización como as zonas con limitacións naturais. Para a concesión destas axudas valóranse determinados aspectos relacionados coa entidade asociativa, como a súa tipoloxía, en relación a se son cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación ( SAT) ou cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (Cuma).