Friday 22 de November de 2024

Moeche inicia o Nadal este sábado cun Mercado cheo de calidade e de actividades paralelas


 

O calendario de propostas para o Nadal en Moeche arranca este sábado 21 cun Mercado especial no que atoparmos de todo, da máxima calidade e a bos prezos. A cita contará con 24 postos entre alimentación, artesanía e agasallos, aos que o Concello lles arrimou unha programación de actividades paralelas que se desenvolverá tanto pola mañá como pola tarde. Sortearanse agasallos, haberá obradoiros para grandes cativos e mesmo actuará unha boa representación das agrupacións de música tradicional do Padroado da Cultura do Concello de Narón.

O Nadal é, de sempre, tempo no que máis se gasta en agasallos e alimentación. En quince días condénsanse a Noiteboa, o 25 de decembro, Ano vello, Reis… un non parar entre compras de última hora e xantares e ceas que cómpre aprovisionar nalgures de peixes, mariscos, carnes, sobremesas e mesmo detalles para engalanar as casas. E para todo iso temos oferta surtida no Mercado de Moeche, que este sábado 21 de decembro celebrará unha edición especial de Nadal na que atopar aínda máis variedade e cantidade e, ademais, unha programación para todas as idades que chegará até a noitiña.

O cometido do mercado é vender. Vender produto de boa calidade, próximo e a prezos competitivos. E, como vén sendo habitual, alí atoparemos de todo: peixe -incluídas encargas-, froita, pan, empanadas, biscoitos, embutidos, carnes, etc., pero tamén postos de artesanía, coiro, madeira, bixutaría, téxtil, cestaría, flores, agasallos, xabóns… aos que, por ser Nadal, se lles suman larpeiradas propias desta época -chocolates, troncos doces, turróns, mazapáns…- e un expositor especial da ANPA do CEIP San Ramón con xoguetes de 2ª man en perfecto estado e moi baratiños.

Tamén asistirá a Asociación de Amigos da Madeira das Pontes, que mostrará ao vivo o traballo de dous dos seus torneiros ademais de traer unha colección das súas creacións.

En total, entre uns postos e outros, agárdase a presenza duns 25 expositores, incluída a apertura da polbeira e un punto onde mercar churros ben quentiños. Ademais, na entrada tamén teremos un paxe para recoller as cartas dirixidas aos Reis Magos de Oriente.

Pero, se algo diferenza este mercado do Nadal dos do resto do ano é a programación paralela que preparou a área de Desenvolvemento local co obxectivo de animar a cita. Apuntade para non perder nada:

11.30h. Showcooking no que veremos o proceso de preparación dun entrante e un primeiro prato con produtos dispoñibles no mercado.

11.30h. Obradoiro de chocolate para a rapazada, da man de Chocolates Moreno, outro dos postos habituas do mercado.

13.00h. Actuación do grupo tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón

14.00h. Sorteo de tres lotes de produtos entre todas as persoas que fagan algunha compra no mercado

16.30h. Obradoiro de globoflexia para a rapazada e espectáculo de maxia para toda a familia a cargo de Elisa e Ian de “2 Minds Combined” www.sombrasmaxicas.com

18.00h. Sorteo dunha cesta de Nadal chea de cousas para a cativería que asista ao obradoiro de maxia.

O Mercado de Nadal modestino non será a única cita co comercio de proximidade que teremos nestes días, posto que o luns, ao ser 23, teremos tamén feira.

Deporte para os nenos e nenas
Por outra banda, para os días de vacacións que hai entre o Nadal e Aninovo, o Concello tamén organizou un programa completo de actividade deportiva para a cativería. Desenvolverase en horario de mañá e os días máis movidos serán o mércores 26 e o xoves 27 de decembro no pavillón municipal con patinaxe e xogos tradicionais respectivamente. O luns 30 no local social de Abade a cousa vai de ximnasia posicional, xa que se fará un adestramento introdutorio ao método pilates. Á rapazada proporánselle exercicios moi doados centrados no desenvolvemento psicomotriz.
Data

Deporte

Lugar

Idades

Horarios

Xoves 26 de decembro

Iniciación á patinaxe e xogos

Pavillón Municipal

3-15 anos

11 a 13.00h.

Venres 27 de decembro

Xogos e deportes tradicionais

Pavillón Municipal

Luns 30 de decembro

Pilates e xogos infantís

Local social de Abade

O prezo do programa son 3€ e é necesario apuntarse o 20 de decembro como moi tarde no 981 404 006, no correo daniel.feijoo@moeche.gal ou ben presencialmente na oficina do departamento de Deportes.