A alcaldesa, Inés Rey, e o edil de Deportes, Ignacio Borrego, presentaron esta mañá en María Pita unha proba da Copa Mundial do Paratríatlon 2020, que se disputará na Coruña os días 6 e 7 de xuño
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada do edil de Deportes, Juan Ignacio Borrego, e do director de competicións deportivas da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, presentou esta mañá en María Pita unha das probas da Copa do Mundo de Paratríatlon que se disputará na Coruña os días 6 e 7 de xuño de 2020, clasificatoria para os Xogos Paralímpicos de Tokio 2020.
A proba coincidirá coa celebración na cidade do Campionato de España de Tríatlon por clubs e Substitucións Mixtos da Federación Española de Tríatlon (FETRI). Deste xeito, A Coruña será o escenario dunha fin de semana de actividade de alto nivel competitivo cunha grande afluencia de deportistas nacionais e estranxeiros, xa que acollerá a máis de 1.000 deportistas do campionato por clubs e cerca de 70 paratríatletas que, con toda seguridade, estarán presentes nos Xogos de Tokio.
Ao se tratar dun evento de carácter transversal, o acto contou tamén coa presenza do edil de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, e da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.
A alcaldesa agradeceulle á Federación a súa aposta pola Coruña, “unha cidade deportiva e deportista,” como escenario do tríatlon e fixo especial fincapé na proba de paratríatlon, porque “o deporte fai cidade e o Goberno local traballa polo deporte inclusivo dunha maneira transversal”. Tamén sinalou que este tipo de eventos deportivos “teñen e terán sempre acollida na cidade” e contarán co apoio do Concello, que considera “o deporte como unha das súas principais liñas de acción”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes asegurou que estas probas serven para volver a
situar a cidade no “top” da competición deportiva e que “A Coruña reúne todos os requisitos
para unha proba destas características: trazado urbano, recursos turísticos e a súa xente”. Borrego confía en que a cidade poida consolidarse como escenario de grandes probas do deporte e aproveitou a ocasión para lles dicir ás persoas responsables da FETRI “que conten sempre coa cidade para promover o tríatlon”.
Desde a área de Benestar Social, a concelleira, Yoya Neira, dixo que esta Copa do Mundo será “o espello en que moitas persoas con discapacidade poderán mirarse e comprobar que tamén poden practicar deporte de elite”.
Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Mobilidade, mostrou a súa admiración polos tríatletas e sinalou que “o deporte son valores, saúde e economía” e que é no ámbito da saúde, onde a súa concellería traballa para garantir o dereito á mobilidade das persoas con diversidade, unha sociedade inclusiva fainos a todas/os máis fortes”.
Todas as persoas asistentes ao acto coincidiron en sinalar que a inclusión de persoas con discapacidade na práctica deportiva é unha necesidade e unha obriga de todos e para lograla requírese un grande esforzo de sensibilización da sociedade, co fin de acabar cos prexuízos que aínda existen.
Pola súa banda, Jorge García, director de competicións deportivas da FETRI, agradeceu o apoio do Concello e sinalou que “A Coruña é unha icona para o noso deporte e unha elección perfecta como escenario dos campionatos”, porque “soubemos integrar o deporte na cidade e ensinar a cidade desde o deporte, e facelo desde a transversalidade”.
Trátase, dixo, dun proxecto que une a inclusión, o turismo, o deporte e a economía. O director cre que o tríatlon se converteu nun deporte estratéxico para a cidade coa celebración do Campionato de España de Tríatlon por clubs, o de Substitucións Mixto e, por suposto, a proba de paratríatlon, porque o deporte inclusivo é esencial na política deportiva da Federación.
A Copa do Mundo de Paratríatlon A Coruña 2020 está incluída no período de Clasificación Paralímpica e será unha das últimas ocasións para conseguir puntos que terán as e os deportistas que loitan por participaren nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020. Segundo a
Federación Española de Tríatlon, poder competir en España sen grandes desprazamentos nin cambio de costumes, e nun escenario coñecido tras albergar nos últimos anos o Campionato de España de Paratríatlon pode supor un factor decisivo que axude as/os paratríatletas FETRI pendentes de certificaren o billete paralímpico.