Friday 22 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño aproba os proxectos do POS+ nunha tarde chea de incidencias por mor da chuvia


Puidera parecer que a información plenaria e maila meteorolóxica non teñan moito que ver. Pero téñeno. Este mércores á tardiña celebrouse na Casa do Concello un pleno no que se sometían a debate os proxectos do POS+ provincial, que saíron adiante cos votos favorables do BNG e o PSOE e a abstención do PP. Porén, xusto antes de empezar, a treboada Elsa deu un aviso no propio consistorio da perda que había meter noutras partes do centro urbano. A chuvia intensa desde as 18.00h. fixo que o patio interior do pazo acumulase tal cantidade de auga que mesmo empezou a meterse no salón de plenos. Nada que non se solucionase cunha fregona e un caldeiro. De feito, o enxaugado do chan retrasou só tres minutos sobre a hora prevista o arranque da sesión, que finalmente se liquidaría en cuestión de dez máis. Namentras, na zona de Agra de Arriba e na parte alta de Marqués de Figueroa, a auga que baixaba con forza desde a Rubiña provocaba o asolagamento de varias vivendas e mesmo a rotura de dous muros.

No tocante aos asuntos do pleno a propia duración dá conta de que houbo escaso debate. Os tres grupos manifestaron o seu acordo sobre as obras que se van acometer con cargo á cantidade fixa do POS+ 2020 e tamén sobre os proxectos que se lle deben presentar á Deputación dentro do Plan Complementario en previsión de que se xeren máis fondos para levalos a cabo.

Aínda que as tres formacións estiveron de acordo coa definición dos investimentos feita polo grupo de goberno, o sentido do voto non foi na mesma liña, posto que o PP optou pola abstención aducindo que o seu grupo non dispuña do informe favorable da Intervención Municipal. Un extremo que despois aclarou o propio Secretario indicando que o informe preceptivo estaba incorporado no expediente xunto co resto da documentación e que desde ese departamento non se considerou necesario facerllo chegar aos grupos xunto coa outra información dos proxectos.

O Partido Popular tamén preguntou sobre se o Concello estaba ao día con Facenda e a Seguridade Social -condicións indispensables para percibir os fondos provinciais-, ao que o alcalde respostou afirmativamente. Con todo, a explicación do Secretario e do rexedor non fixeron cambiar a postura popular que, porén, si quixo deixar constancia do seu apoio ás obras e a súa crítica a que se destinen máis de 182.000 euros a gasto corrente.

Da descrición dos investimentos e proxectos encargouse a portavoz do grupo municipal do BNG, Mari Carme Muíño, quen citou os títulos das principais intervencións que se acometerán con cargo aos fondos provinciais do POS+ e do Plan Complementario. Así, os 182.548,98 euros co capítulo de gasto corrente dedicaranse a subministración e mantemento eléctrico e a sufragar o salario do conserxe do CPI, tal e como comentou posteriormente Secundino García.

A decisión de dedicar os fondos provinciais a a este apartado obedece a que se trata de partidas fixas que non reciben achegas doutras administracións e que, por ese mesmo motivo, simplifican a xustificación dos gastos perante a Deputación da Coruña. Deste xeito, o Concello -que xa tiña que asumir ese gasto- pode destinar o que aforra a outros apartados e investimentos, axilizando así o seu trámite e descargando os servizos administrativos de papeleos.

Con cargo á asignación inicial do plan provincial tamén se incluiu un proxecto de obras cifrado en algo máis de 44.000 euros, cos que se executará a reparación de pistas nas Calvelas, no Albeiro, na Agra de Abiaxo, en Cornide e no Freixo.

Por outra banda, no Plan Complementario -ao que a Deputación destinará fondos procedentes de remanentes- incluíronse tres proxectos por un montante total de 171.000 euros para aglomerar as tres pistas que se encadean desde o Eirexado até o límite da Capela pasando por Lourido e Quintiá. Tamén se contempla licitar en 150.790 euros a remodelación da Casa da Cultura para redistribuír espazos, climatizala e, sobre todo, acabar dunha vez cos problemas de humidade.

Os dous últimos proxectos que se presentarán ao Plan Complementario son a merca dun novo tractor para traballos forestais e de prevención de incendios -71.390€- e a ampliación da iluminación led a Marqués de Figueroa, á nova rúa aberta diante do cemiterio, ao Enxerto, ao Outeiro , á pista dos Corrás e á Agra de Arriba. Neste caso o investimento previsto é de 67.000 euros.

E veña chover
Na gravación deste pleno do POS pode escoitarse un ruxido de fondo sostido durante toda a sesión que semella un fallo nalgún cable. Pero non, é o sonido da auga caendo a caldeiros no patio interior do pazo. Antes de empezar a xuntanza houbo que desatoar os desaugadoiros que verten nos estanques dos xardíns para evitar que a auga penetrase no salón de plenos. E, tralo remate da sesión, a intensidade da chuvia volveu obrigar a tirar de fregona para enxaugar o chan.

Nese momento foi cando chegou aviso do que estaba pasando na zona do Campo da Feira, onde o rebordamento dos canos que baixan da Rubiña provocou que a auga viñese coma un río por Marqués de Figueroa, pola Agra de Arriba e polo regato do parque Antonio Freijomil.

A enxurrada -motivada pola intensidade puntual da chuvia e o atoamento e insuficiente diámetro dunha canalización que cruza a estrada provincial- provocou asolagamentos en baixos e garaxes. Nesa zona víronse afectadas dun xeito ou doutro unhas dez vivendas, na maior parte dos casos pola entrada de auga e lama que danou electrodomésticos e enseres, aínda que tamén se produciu a caída de dous muros medianeiros e correron perigo tres vehículos gardados nun garaxe que puideron ser rescatados a tempo.

Segundo comentaba a veciñanza, os asolagamentos xa teñen ocorrido outras veces, pero nunca coa rapidez e a forza que se viu no serán de onte entre as 19 e as 20 h.

Os incidentes pola escorrentía súpeta replicáronse noutros puntos do concello e tamén de Galicia, onde o 112 rexistrou máis de 400 avisos. No caso de San Sadurniño achegáronse dous camións dos Bombeiros do Eume.

Cara ás 21.30h. a situación era xa case normal -salvo polos estragos rexistrados- e por Marqués de Figueroa xa non corría practicamente auga, mentres que pola Agra de Arriba, no entorno do parque, o regato aínda rebordaba esta mañá. O Concello enviou unha brigada para limpar a lama das rúas e tamén unha retroescavadora para darlle máis larganza ao tramo final do cano que recolle a auga proveniente da Rubiña que, a pesar destas operacións e de non estar chovendo, seguía ameazando con volver saltar á estrada.