Unanimidade para ratificar os estatutos da asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia e apoiar as demandas do IES Brión en canto a seguridade viaria do alumnado
O pleno municipal do Concello de Brión aprobou esta mañá por unanimidade a proposta da Alcaldía sobre o Plan Único de Concellos POS+2020 e o Plan Complementario do ano 2020, que destinará 316.184,75 euros a obras e outros 217.754,24 euros a gasto corrente. O Concello de Brión non acudirá ao Préstamo Provincial 2020.
O POS+ 2020, aprobado sen debate entre os grupos, recolle un investimento de 53.561,91 euros da Achega Provincial 2019 a un proxecto de obras de mantemento e mellora de beirarrúas en Lamiño e Liñares, ao que o Concello de Brión achegará outros 864,41 euros. Así mesmo, o Concello de Brión destinará os 262.621,83 euros do Plan Complementario a dous proxectos: mantemento e mellora de aldeas e camiños en Trasouteiro, Brión de Arriba, Saíme e Espiñeiros (115.846,93 euros) e mantemento e mellora das redes de abstecemento e saneamento de Chave da Ponte, rúa Gondar, Cabanas-Saíme, Bastavaliños, Soutullos e Bemil (146.774,9 euros). Por último, a Achega Provincial 2020 destinarase integramente a financiamento de gastos correntes por un importe de 217.754,24 euros.
Resto da sesión
No resto da sesión ordinaria de decembro, o pleno aprobou por unanimidade os estatutos da asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia, así como unha proposta da comunidade educativa do IES de Brión, que solicita melloras na seguridade viaria no tramo da estrada autonómica AC-451, baixo a autovía Santiago-Brión. O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “os pais e nais entenden que é mellorable o alumeado que hai debaixo da autovía, piden que se instale unha sinal vertical luminosa no paso de peóns e elevar o paso de peóns, xa que moitos vehículos pasan por aí a gran velocidade”.
Na quenda de mocións, aprobáronse por unanimidade dúas presentadas polo PP e polo BNG. A moción do grupo nacionalista insta ao Parlamento de Galicia a que considere a emigración como un drama social e nacional, outorgándolle así prioridade nas políticas que aseguren un traballo digo e creen as condicións para favorecer o retorno das persoas emigradas. A moción do grupo popular, que pedía á Deputación “melloras na seguridade dos peóns na AC-1302 ao seu paso por Mourentáns, como beirarrúas, semáforos ou pasos elevados”, foi emendada polo grupo socialista para engadir tamén outros puntos negros existentes no municipio, de forma que se instaba ao Goberno do Estado, Xunta de Galicia e Deputación Provincial a incrementar a seguridade viaria nas estradas da súa competencia. “Especialmente no caso de San Salvador-Pérros, onde os veciños non teñen ningún espazo para camiñar”, lembrou José Luís García.
A outra moción dos populares na defensa das liberdades educativas consagradas na Constitución e na que se pedía que se garantise a liberdade dos pais para elixir un centro de ensino para os seus fillos, así como defender a existencia dunha rede de centros concertados. A moción decaeu co voto en contra de PSOE e BNG.