Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia investirá máis de 355.000 euros na mellora ambiental do barrio do Couto e nas bancadas do campo de fútbol


 

Son as principais iniciativas do Plan de Obras e Servizos da Deputación para 2020, aprobado esta mañá por unanimidade no Pleno

O Pleno do Concello de Noia aprobou esta mañá por unanimidade as propostas que se incluirán no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e os Servizos de competencia municipal (POS + 2020). O tamén coñecido como Plan Único destinará 355.566 euros á mellora ambiental e canalización de augas pluviais na zona do Couto de Arriba (159.823 euros) e á dotación de bancadas para o campo de fútbol (195.743 euros).

Son os dous principais investimentos do plan, que no caso do novo equipamento para o campo incorporan unha axuda solicitada ao Consejo Superior de Deportes por importe de 137.020 euros. O alcalde, Santiago Freire, destacou que se trata de obras “necesarias e mesmo prioritarias”, tendo tamén en conta a existencia doutras opcións nas que investir.

Neste sentido, cabe sinalar que o Plan Complementario, no que se inclúen investimentos financeiramente sostibles que se acometerán no caso de dispoñer de fondos adicionais, incorporáronse a mellora e reparación da pavimentación da aldea do Vilar, a mellora da pavimentación no barrio de Labarta e a pavimentación da Rúa Ramón Álvarez da Braña. En conxunto, estes tres proxectos suman 253.244 euros.

Normalización de pagamentos
Por outra parte, o plan provincial reserva uns 168.000 euros para o pagamento a provedores e case 124.000 euros para financiar gastos correntes. Non recolle ningunha contía para reducir débeda con entidades financieras, posto que o Concello de Noia xa non ten na actualidade ningunha débeda bancaria.

Santiago Freire expuxo que as contías para provedores e gasto corrente, que se poderán comezar a pagar nas primeiras semanas do exercicio de 2020 aínda que a Deputación aprobe o plan máis tarde, permitirán que o Concello de Noia continúe avanzando na normalización do pago aos seus provedores.

O rexedor expuxo durante a sesión que antes da súa chegada ao goberno a Administración local chegara a acumular máis de 2,5 millóns de euros en débedas a provedores. “Aínda non podemos darnos por satisfeitos, pero desde entón demos minorado moito esa contía e a tendencia é a normalizar a situación”.

Do mesmo xeito, Freire lamentou os atrancos de parte da oposición ao pagamento a provedores mediante unha modificación de crédito en 2018, que foi obstaculizada polo grupo da Marea mediante unha reclamación presentada na fin do prazo, sen deixar marxe temporal suficiente para abonar as facturas incluídas naquel expediente nesa anualidade.