Saturday 16 de November de 2024

Rematadas as obras dos dous tramos de senda peonil a carón da N-550 que permitiron unir Castrelos co Barreiro en Leira, por un importe de 43.500 euros.


 

Os veciños de Castrelos en Leira dispoñen dende esta semana de dous novos tramos de senda peonil, os que comunican as beirarúas preexistentes a ambas marxes da N-550 cos aparcamentos do Hotel Barreiro

O pasado venres remataron as obras impulsadas con cargo ao remanente de 2018 por parte do Concello de Ordes, cun importe de 43.500 euros executáronse as beirarúas en Castrelos na parroquia de Leira dende as preexistentes ata entroncalas cos aparcamentos do Hotel Barreiro a ambas marxes da N-550.

Descrición das obras a executar.
A actuación foron 216 metros (106 pola marxe dereita e 110 pola marxe esquerda) de senda peonil de 1,80 metros de ancho en formigón coloreado e con bordo prefabricado.
Previa a execución do pavimento canalizáronse as augas pluviais en tubería de PVC de 400 mm de diámetro, e realizáronse 4 pozos de rexistro e 3 arquetas de sumidoiro.

Finalmente completouse a obra coa reposición do pavimento afectado deixando uns sobreanchos con respecto a calzada actualmente existente de 1,50 metros a cada marxe.

Abastecemento na parroquia de Leira.
Actualmente tamén se atopa en execución, avanzando a bo ritmo, a obra que vai permitir dotar de rede de abastecemento pública boa parte da parroquia de Leira dende os depósitos de auga existentes no Mesón do Vento, e que chegarán a totalidade do núcleo de Castrelos, Codeseda, Igrexa, Menlle, Castiñeira, Pedreira, Gouzón e Brumeiral.

Novas actuacións para o POS+2020.
Dentro dos proxectos complementarios para o ano 2020 do plan de obras provincial a aprobar no pleno de este xoves 18, incluirase como proposta para a parroquia de Leira, na mesma liña de esta actuación agora rematada, mellorar o acceso dende a fonte ao pé da N-550 ata a igrexa de Leira, creando sobreanchos no vial existente, canalizacións de pluviais así como darlle continuidade a rede de saneamento.