Saturday 16 de November de 2024

A Comunidade Intermunicipal do proxecto do xeoparque reúnese en Moeche para avaliar os últimos avances e preparar a presentación da candidatura


A sala de xuntas do Concello de Moeche acolleu este mediodía un encontro da Comunidade Intermunicipal que está levando adiante todas as accións relacionadas co Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal en colaboración da Deputación da Coruña, integrante da agrupación xunto cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Na orde do día incluíronse 11 puntos, referidos principalmente ás xestións realizadas perante outros organismos e entidades nos últimos meses e, sobre todo, a accións concretas que están en marcha ou que van estar postas a andar en breve. Entre elas a publicación da web do proxecto, unha campaña en medios e a presenza do proxecto en FITUR por medio da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Porén, se cadra as dúas cuestións con maior trascendencia foron a de contar xa cun borrador do Plan Director do futuro xeoparque e o da inminente constitución dunha asociación que se encargue da presentación da candidatura e da coordinación do xeoparque no caso de que se obteña o distintivo da UNESCO.
Que exista órgano xestor da iniciativa é unha das esixencias que marca a UNESCO no seu programa de xeoparques. Fai falla unha entidade que lle dea respaldo legal, recursos económicos e unha estrutura mínima para manter a estratexia de desenvolvemento territorial, xa que os xeoparques non son só riqueza xeolóxica, senón que tamén deben levar adiante un plan que poña en valor eses elementos relacionándoos ademais coa cultura, o patrimonio, o turismo e a economía da zona.
Neste sentido os concellos teñen previsto crear unha asociación sen ánimo de lucro como fórmula de colaboración máis axeitada, posto que a UNESCO dá liberdade para a elección do modelo de colaboración entre os promotores. Cariño, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño xa levaron a pleno os seus estatutos e o acordo de integración na nova entidade, mentres que Cedeira, Cerdido e Ortigueira agardan facer o trámite en breve.
A outra das patas da candidatura é a definición dos obxectivos que perseguirá o xeoparque desde o punto de vista da xeoloxía e do desenvolvemento sostible asociado a ela. Algo que se recolleu no Plan Director que hoxe mesmo se lles presentou como borrador aos rexedores e aos representantes da Deputación da Coruña que asistiron ao encontro en Moeche.
Trátase dun documento de 114 páxinas que aborda a definición física, xeolóxica e socioeconómica do territorio e que propón varios eixos de traballo coincidentes coa filosofía da Rede Mundial de Xeoparques da UNESCO. Tamén fai unha análise de fortalezas e debilidades e incide nas posibilidades que se abren para o territorio se finalmente se obtén o selo de xeoparque.
Ademais, o Plan Director marca deberes para o 2020 e 2021, os dous anos en que tardará en completarse o proceso de solicitude e avaliación da candidatura se é finalmente aceptada pola UNESCO. Algunhas desas liñas de traballo pasan pola instalación dunha sinalización uniforme de todos os recursos, accións educativas e de sensibilización -dirixidas principalmente ao tecido social e a centros de ensino- e a ampliación do actual inventario de lugares de interese xeolóxico, cunha proposta que subirá de 52 a 108 referencias.
Para optar ao distintivo cómpre que alomenos un deses lugares teña relevancia científica internacional por contar con formacións xeolóxicas únicas. Son os chamados Geosites e na zona do proxecto hai identificados cinco que o novo catálogo elaborado ao abeiro do proxecto propón elevar a nove.
Co plan estratéxico na man e cunha entidade respaldando o proxecto, os sete concellos agardan telo todo listo para comezar oficialmente o percorrido da candidatura antes do 1 de abril, data límite establecida pola UNESCO para enviarlle ao Comité Nacional de Xeoparques a carta expresando o interese e a intención de promover esta figura, que ten o mesmo valor ca unha declaración de Patrimonio da Humanidade.
Campaña promocional e presenza en FITUR
Alén de tratar cuestións técnicas relacionadas coa tramitación da candidatura, os rexedores e a Deputación tamén viron esta mañá a web do proxecto, que se fará pública en breve. Nela resúmese a iniciativa, faise unha aproximación á riqueza xeolóxica con fichas descritivas e a súa localización e recóllese o histórico de novas xeradas arredor do proxecto desde que en 2015 a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal lles propuxese aos concellos a idea de crear un xeoparque.
A web proxecto.xeoparquecaboortegal.gal conta con versións completas en galego e castelán -posteriormente tamén en inglés- e acompáñase de perfís en Instagram, Twitter e páxina en Facebook, como parte fundamental da estratexia de comunicación esixida pola UNESCO para outorgar o selo.
O sitio en internet será unha das tarxetas de presentación do proxecto en FITUR, a onde acudirá da man da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Na feira sectorial do turismo que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro exhibirase, ademais, un espectacular vídeo promocional que hoxe mesmo tamén lles foi presentado aos alcaldes e aos representantes provinciais. A difusión do proxecto reforzarase con insercións publicitarias en medios xeralistas e especializados en turismo.
Na orde do día do encontro desta mañá tamén se incluiu unha valoración da campaña de sensibilización social sobre o proxecto desenvolvida durante o mes de novembro. Ás charlas organizadas en cada un dos sete concellos do ámbito do futuro xeoparque participaron preto de 130 persoas, pertencentes na súa maioría a entidades socioculturais do territorio. Un dato cualificado polos alcaldes como “moi positivo” e que dá conta do “cada vez maior coñecemento e apoio social” cara a unha iniciativa que, de acordo co que pide a UNESCO, “debe estar construída desde abaixo cara arriba”, comentou Beatriz Bascoy, anfitrioa da reunión intermunicipal.