Esta decisión é o primeiro paso para a creación do operador enerxético con participación 100% municipal
O Consello de Administración de EMALCSA acordou impulsar a conversión da empresa municipal nun medio propio, catalogación recollida na nova Lei de Contratos do Sector Público (LCSP). Será a Xunta Xeral de Accionistas, formada polos 27 concelleiros e concelleiras da Corporación Local da Coruña, a que en reunión extraordinaria aprobe en vindeiras datas esta transformación societaria.
Esta decisión permitirá que durante o ano 2020 se poida activar a creación dun operador enerxético de titularidade 100% municipal.
Pola súa parte, o órgano de goberno de EMALCSA encomendaralle á dirección da sociedade o inicio do procedemento para a constitución dun operador enerxético municipal, unha vez celebrada a Xunta Xeral de Accionistas onde se aprobe a conversión en medio propio municipal.
Emalcsa poderá elaborar os pertinentes estudos para coñecer a viabilidade da constitución do operador enerxético, como xa sucede nalgunha cidade española, e tamén poderá elaborar o Mapa das Enerxías Renovables, por encargo do Goberno Local.
Nota de Prensa
O consello de Emalcsa tamén deu o seu visto bo á Relación dos Postos de Traballo (RPT) do ano 2019 e o Programa Anual de Actuacións, inversións e financiación (PAAIF) para o ano 2020.
Por outra banda, o Consello tamén aprobou o convenio co Concello de Arteixo para a ampliación do subministro de auga. Este acordo recolle que será Emalcsa a encargada de executar as obras recollidas no Plan director de Alvedro e anticipará o custo de execución. Emalcsa garantirá a subministración (adicional ao de Meicende, Pena Moa e Monte das Arcas) dos seguintes caudais: 212 l/ s no depósito en Vío Alto e 90 l/s no depósito de Pena Moa. O prazo de execución das obras e posta en servizo é ata 2023.