A concelleira de Emprego participou no encontro “Creando referentes: empresarias que avanzan en común”, organizado pola Fundación Mujeres no centro municipal Accede Papagaio
A Coruña, 17 de decembro de 2019.- A concelleira de Emprego, Eva Martínez, participou esta mañá no encontro “Creando referentes: empresarias que avanzan en común”, organizado pola Fundación Mujeres no centro municipal de empresas Accede Papagaio. A edila falou da importancia de que interviñeren mulleres que hoxe son exemplo por encabezaren proxectos empresariais con éxito para que as novas emprendedoras collan folgos e crean nos seus proxectos, que deixen a un lado os seus medos e exerzan un liderado real, nesa busca dun equilibrio familiar e laboral, unha cuestión “que non se lles esixe aos homes”.
Eva Martínez sinalou que segue habendo un forte peso masculino nos postos de arriba e que as mulleres teñen que se esforzar para demostraren as súas capacidades e loitaren moitas das veces contra ese sentimento de culpa que nace por conciliaren traballo e os quefaceres cotiás.
A concelleira animou ás participantes a reivindicaren o seu papel á hora de emprender porque “se somos libres, seremos o que queiramos”. Engadiu que o empoderamento ten que ser un elemento “que nos axude a romper barreiras” e recordou que o Concello traballa coa Fundación Mujeres en actuacións encamiñadas a incrementar a empregabilidade e o emprendemento feminino con programas que ofrecen ferramentas para potenciaren as habilidades en distintos ámbitos.